Sony deixa de fabricar disqueteiras

venres, 11 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Xa hai bastantes anos que é difícil atopar disqueteiras en ordenadores portátiles, e pouco a pouco foron desaparecendo dos equipos de sobremesa, en boa medida grazas á emerxencia das tarxetas de memoria, as memorias USB e dos CD/DVD gravables, deixando obsoletos os disquetes tanto polo seu tamaño coma pola súa reducida capacidade, polo que non é de sorprender que o diario Nikkei publique que Sony vai deixar este mes de fabricar disqueteiras ante a caída da súa demanda.
A compañía nipona continuará a fabricar disquetes (pese a que fabricantes coma Hitachi ou Mitsubishi xa cesaron a súa produción) e agora está a coordinarse cos fabricantes de ordenadores para reducir de xeito progresivo a entrega de disqueteiras no que resta de ano.