Sony lanzará en setembro un walkman HDV

venres, 27 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Sony anunciou o lanzamento do primeiro reprodutor portátil de cintas MiniDV que permitirá ó usuario traballar tamén con vídeo en alta definición, que se pode ver na pantalla de 7 polgadas incorporada (cunha resolución de 800 x 480 píxeles) así como en pantallas externas mediante saídas HDMI, i.Link de 1.080 liñas en entrelazado, RCA ou S-Video.
O GV-HD700E comezará a venderse no mes de setembro e serve para capturar de fontes de vídeo externas (mediante i.Link, RCA e S-Video) así como a súa ulterior revisión, o que o converte nunha ferramenta ideal para traballos de campo, de xeito que se converte nun magnetoscopio portátil, o que agradecerán especialmente os profesionais do audiovisual que traballan co formato HDV.
Tamén incorpora un lector de tarxetas Memory Stick Pro DUO para engadir fotografías ós vídeos.

PUBLICIDADE