Sony prepara uns altofalantes sen fíos para PS5 e ordenadores persoais

xoves, 25 de setembro do 2025 Redacción

Sony Interactive Entertainment (SIE) presentou durante o State of Play os Pulse Elevate, os primeiros altofalantes sen fíos da compañía pensados para o xogo en escritorio. Trátase dun novo accesorio de son para a familia PlayStation que aposta por ofrecer son inmersivo de calidade profesional nun formato portátil, combinando a tecnoloxía PlayStation Link con controladores magnéticos planares de inspiración de estudio.
Estes altofalantes queren levar a experiencia que xa ofrecen os auriculares Pulse Elite e os Pulse Explore a un novo formato máis versátil. Os Pulse Elevate funcionan con PS5, PC e Mac, pero tamén se poden empregar en mobilidade con PlayStation Portal ou cun smartphone mediante Bluetooth.
Cada unidade integra un woofer propio para reforzar os graves, e o sistema é compatible coa tecnoloxía Tempest 3D AudioTech da PS5, que permite localizar con precisión cada detalle sonoro en títulos compatibles. A maiores, o altofalante dereito incorpora un micrófono con cancelación de ruído asistida por intelixencia artificial, pensado para conversas de voz nítidas sen necesidade de auriculares.
Os Pulse Elevate están deseñados para ofrecer latencia ultrabaixa grazas a PlayStation Link, ao tempo que permiten conexións simultáneas: por exemplo, escoitar o xogo na consola e, á vez, música ou chamadas desde un móbil por Bluetooth. Inclúen base de carga para facilitar a transición entre uso portátil e escritorio, ademais de controis de volume integrados e opcións de configuración avanzada en PS5 e PC, como ecualización ou axuste do micrófono.
O lanzamento está previsto para 2026 en dúas variantes de cor (negra e branca), aínda que a segunda terá unha distribución máis limitada.

Vídeo de presentación dos altofalantes Pulse Elevate