Sony presenta novas cámaras de vídeo con GPS integrado
mércores, 8 de xullo do 2009
Sony está a
renovar a súa oferta de cámaras de vídeo de alta definición da serie Handycam, polo que presenta
os modelos HDR-CX500V e HDR-CX520V, que funcionan co mesmo sensor de 12
Mpíxeles e que contan con 32 e 64 Gb de memoria Flash respectivamente, o que
permitiría gravar ata 25 horas de vídeo en alta definición en modo LP.
Pero estas cámaras non teñen só unha boa definición para tomar fotografías
dixitais, senón que tamén incorporan tecnoloxías coma o recoñecemento facial (empregado
para optimizar o enfoque e a configuración automática de cor e brillo cunha
referencia concreta seleccionada na súa pantalla táctil), saída de vídeo a 60p
(para poder ver as gravacións con calidade en televisores de alta definición), tecnoloxía
de estabilización de imaxe Optical SteadyShot (que funciona en 3 eixos), receptor
GPS integrado (que permite a xeolocalización de vídeos e fotografías) e incluso
incorpora unha nova tecnoloxía que converte de AVCHD a MPEG-2 para poder crear
películas en DVD en conxunción cunha gravadora especial, sen contar cun PC como
axuda no proceso.
Aparte da memoria interna, estas cámaras tamén poden gravar en tarxetas Memory
Stick PRO-HG Duo HX, que estarán dispoñibles en capacidades de 16 e 32 Gb,
saíndo tanto estas como as novas cámaras de Sony no mes de setembro. O prezo
dos modelos HDR-CX500V e HDR-CX520V nos EE.UU. será de 1.100 e 1.300 dólares
respectivamente (792,49 e 936,58 euros).
- As novas cámaras de Sony incorporan pantalla táctil na que podemos seleccionar distintas opcións para optimizar as imaxes captadas.