Sora ábrese ao público (de fóra da Unión Europea)

luns, 9 de decembro do 2024 Marcus Fernández

A primeiros de ano OpenAI presentou un modelo de IA capaz de crear escenas de vídeo de poucos segundos, impresionando ao mundo polo seu realismo, así como pola súa capacidade para plasmar secuencias do máis imaxinativas, pero esta tecnoloxía estaba a manterse afastada do grande público, facilitando o seu acceso só a uns poucos creadores que compartían algunhas mostras en redes sociais, creando moita expectación.
Agora, por fin o modelo de xeración de vídeo de OpenAI está aberto ao público, aínda que Sora chega polo momento a través da súa páxina web para subscritores de ChatGPT Plus e Pro, e limitando a súa dispoñibilidade a uns países determinados (deixando fóra a Unión Europea).
Aseguran que a actual versión do modelo de xeración de vídeo é realmente Sora Turbo, unha versión que mellorou considerablemente a súa velocidade, e na súa forma actual permite a creación de vídeos de até 1.080p e 20 segundos de duración en formato panorámico, vertical ou cadrado, permitindo tanto a creación totalmente baseada en texto ou partindo de material previo que poderá ampliarse ou modificarse en funcións ás indicacións que realicemos.
Os subscritores de ChatGPT Plus poderán crear até 50 vídeos a 480p ao mes (ou menos vídeos a resolución 720p), mentres que os subscritores Pro poderán gozar de 10 veces máis uso, así como de maiores resolucións e duracións, asegurando dende OpenAI que a primeiros de 2025 ofrecerán plans de subscrición que se adaptarán a distintos tipos de usuario.
Esta tecnoloxía está a desenvolverse con moita cautela, xa que a posibilidade de abusar da mesma está moi presente, e aínda que resulta practicamente imposible frear a divulgación de falsidades, cando menos agora xa se impide a creación de deepfakes de carácter sexual e irán avanzando paulatinamente para que non se realicen usos maliciosos de Sora, pois a intención que teñen con esta tecnoloxía é explorar novas formas de creatividade.