Spotify supera os 300 millóns de usuarios

xoves, 29 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Unha vez máis Spotify demostra a súa forza como plataforma de audio en streaming coa publicación dos seus resultados trimestrais, na que deron conta de que no último trimestre conseguiron chegar aos 320 millóns de usuarios mensuais activos (o que supón un crecemento interanual do 29%) e acadaron os 144 millóns de subscritores (27% máis que no ano anterior) acadando ou superan as expectativas en todas as rexións nas que o servizo está presente.
Os bos resultados de Spotify son consecuencia en boa media a campañas promocionais na India e ao lanzamento do servizo en Rusia e o seu contorno, o que posiblemente foi a mellor estrea na historia de Spotify. De pór en perspectiva estes resultados temos que son moi positivos, xa que o seu competidor máis directo, Apple Music, tería 60 millóns de usuarios de pagamento e Amazon Music estaría en preto dos 55 millóns, superando amplamente Spotify a suma de ambos.
Aínda que inicialmente Spotify era simplemente un servizo musical, foi ampliando as súas posibilidades, e nos últimos tempos conseguiu converterse practicamente no motor do podcasting, contando cuns 1,9 millóns de podcasts dispoñibles e cun 22% dos seus usuarios consumindo este tipo de contido que está a vivir o seu mellor momento histórico.

PUBLICIDADE