Starlink ofrece antena e router de balde cunha permanencia dun ano

martes, 22 de abril do 2025 Marcus Fernández

O servizo de acceso á Internet a través de satélites de baixa altura da compañía de Elon Musk, Starlink, continúa a facer máis competitiva a súa oferta, e na actualidade está a oferta a posibilidade de aforrar os 349 euros que custa o equipamento receptor (antena e router) de contrata o seu servizo residencial ordinario cun compromiso de permanencia de 12 meses, cun período de proba de 30 días. Deste xeito, gozar dunha conexión á Rede en residencias ás que non chega a fibra óptica está ao alcance de moita máis xente, xa que só precisa do pagamento dunha cota mensual de 40 euros.
Cómpre salientar que Starlink, aparte do servizo residencial de 40 euros/mes tamén ofrece unha opción Residencial Lite, que achega velocidades de acceso inferiores por 29 euros/mes, pero que non están incluídos na oferta de equipamento de balde. Outra opción tamén consiste en adquirir un Kit Starlink Mini, no que a o router está integrado na propia antena receptora e que, aínda que pode ser unha solución máis cómoda e económica (299 euros) ofrece velocidades de acceso á Internet limitadas a 100 Mbps, polo que non parece unha boa opción a longo prazo.
Actualmente Hispasat ofrece conexións de acceso á Internet por 35 euros/mes en todo o territorio español a través da iniciativa Conéctate35, con conexións de até 200 Mbps de velocidade de descarga, pero cunha velocidade de subida de só 10 Mbps e unha latencia duns 690 milisegundos, o que supón unha experiencia infinitamente peor á que ofrece Starlink con conexións de 236-340 Mbps de descarga, 26-44 Mbps de subida e, moi especialmente, unha latencia de 22-25 milisegundos. Iso quere dicir que as conexións a través de satélite de baixa altura teñen uns retardos nas conexións moi semellantes aos das redes fixas, mentres que con satélites tradicionais os retardos son tan elevados que impedirían casos de uso como as videoconferencias ou o xogo en liña, de aí que as conexións por satélite subvencionadas con fondos europeos carecerían de sentido actualmente (xa que só suporían un aforro económico de 5 euros/mes por un servizo moi inferior).