Steam permite acceder á versión alpha de The Waylanders
mércores, 17 de xuño do 2020
En 2018 o estudio de videoxogos coruñés Gato Salvaje
(internacionalizado agora como Gato Studio)
anunciou que estaba
a traballar en The Waylanders, un ambicioso desenvolvemento que
teríase iniciado en 2017 e apostou
pola senda do micromecenado para achegarse ao público, cunha campaña
en Kickstarter que completouse con éxito, xuntando 168.999 dólares de 3.362
mecenas. Aínda non temos unha data concreta para saber cando este xogo será
unha realidade, pero moitos dos seus patrocinadores, así como moitos outros
xogadores de PC poden botar un ollo a este traballo en curso grazas ao seu desembarco en
Steam con acceso anticipado.
O sistema de acceso anticipado permite gozar de xogos durante o seu
desenvolvemento, o que supón que os títulos conteñen numerosos erros e carecen
de moitas funcionalidades, o que no caso de The Waylanders percíbese
especialmente a nivel de localización, xa que a versión de proba (alpha)
á que pode accederse por 31,49 euros até o 23 de xuño (34,99 euros
posteriormente) está polo momento unicamente en inglés, estando previsto que
máis adiante reciba traducións ao francés, chinés, ruso, alemán, español e
incluso galego.
The Waylanders está
inspirado en clásicos como Neverwinter Nights 2 ou Baldur’s Gate,
pero destacando por unha ambientación galega en dúas épocas diferentes (celta e
medieval). Este xogo de rol fantástico presenta unha terra invadida por unha
corrupción máxica, de xeito que veremos unha grande variedade de personaxes e
criaturas, como lobishomes, trasnos, druídas e monstros sacados da cultura
celta. Tamén innova con elementos xogables, como un sistema de combate estratéxico
con formacións especiais e habilidades que permiten unha grande profundidade
táctica.
Tráiler oficial do xogo