A pouca fiabilidade da palabra de Elon Musk é máis que coñecida, pero nas últimas horas resultou especialmente escandaloso que, tras declarar hai algo máis dun mes que o seu compromiso coa liberdade de expresión levábao a non suspender a conta de Twitter que fai un seguimento do seu avión privado fixese xusto o contrario, e suspendese a conta de @ElonJet e do seu responsable, despois de que este último denunciase publicamente que a conta de seguimento do avión de Musk tiña restrinxida a súa visibilidade en Twitter.
Musk ten declarado que a publicación dos plans de voo do seu avión privado son un risco para a súa seguridade, pero o certo é que tal información é pública, e pode conseguila calquera. De feito, os seus movementos en avión máis que para realizar un seguimento da localización de Musk para o que se emprega en boa medida é para dar conta do moito que se despraza en avión unha persoa que asegura estar comprometida contra o cambio climático (e que tamén se opón a que os seus empregados teletraballen).
Jack Sweeney, o creador do bot de @ElonJet, asegurou que cando se suspendeu a conta sobre o avión de Musk non recibiu ningunha notificación por parte de Twitter explicando o motivo, aínda que sospeita que o que está a padecer son represalias por desvelar que Twitter estaba a agochar a súa conta dun xeito inadmisible, xa que non estaba a incumprir ningunha norma do servizo.
ACTUALIZACIÓN: Para xustificar a arbitraria suspensión da conta @ElonJet mudaron as normas de Twitter sen avisar a ninguén e incluso sen incorporar os cambios a versións das normas en linguas distintas ao inglés, realizando unha aplicación retroactiva, o que é claramente irregular.
