TEGRA celebra o seu primeiro aniversario presentando unha revolucionaria solución de seguridade empresarial

mércores, 19 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 471.2 KB
Luis Pérez Freire, director do Centro Tecnolóxico Gradiant

O centro de ciberseguridade TEGRA, froito da alianza Telefónica-Gradiant, celebrou hoxe en Santiago o seu primeiro aniversario (logo da súa estrea oficial en sociedade, en maio de 2018). A cita foi no Casa Grande do Pozo (Afundación) e contou coa presenza de múltiples representantes do noso eido TIC e dalgúns dos principais responsábeis da operadora, do Centro Tecnolóxico Gradiant e de ElevenPaths, a unidade de protección tecnolóxica de Telefónica. Ao abeiro do acto conmemorativo-informativo presentáronse cousas como Stela FileTrack, un dos froitos visíbeis (e experimentábeis) de TEGRA Security Center e que consiste nunha solución avanzada para protexer un dos grandes bens das empresas: os datos.
O acto foi inaugurado polo director xeral do centro vigués Gradiant, Luis Pérez Freire, e o director executivo (CEO) de ElevenPaths, Pedro Pablo Pérez.
Pérez Freire abriu a súa intervención falando dos dous grandes piares temáticos da xornada conmemorativa deste mércores 19: innovación e seguridade. “Son dous conceptos que camiñan da man e que responden aos principais retos dunha sociedade máis conectada e na que se impoñen novos modelos de negocio, antes difíciles de concibir”, explicou, engadindo que estes avances tecnolóxicos poden ficar en nada, “ser un xigante cos pés de lama”, se non se acompaña do “factor confianza”.
O director de Gradiant tamén fixo un repaso polas orixes en TEGRA, en 2016, cando se formalizou o acordo de colaboración entre o centro tecnolóxico galego e Telefónica, e de como este traballo conxunto colleu impulso ao ano seguinte coa creación da unidade mixta IRMAS (Information Rights Management Advanced Systems). A partir de aí, explicou, púxose en marcha o centro de ciberseguridade TEGRA cun máis que salientábel investimento (preto de 2,4 millóns de euros) e con dous referenciais centros de operacións na nosa terra (un en Vigo, na sede de Gradiant, e outro na sede de Telefónica na Coruña, no Montiño).

JPEG - 634 KB
O director executivo (CEO) de ElevenPaths, Pedro Pablo Pérez

No acto de apertura tamén falou o director executivo (CEO) de ElevenPaths, Pedro Pablo Pérez, quen debullou algúns dos principais detalles do proxecto e algúns dos seus ambiciosos obxectivos: “Impulsamos e damos forma a tecnoloxías que, se ben abrollan de Galicia, son concibidas para seren levadas a todo o mundo a través dos nosos socios e colaboradores”. Tamén lembrou que ElevenPaths é quen de xerar hoxe en día o 15% das patentes de Telefónica cada ano, e todo isto, dixo, ten un propósito claro: “Fornecer ao mundo de tecnoloxías útiles e eficaces de seguridade”. Na súa opinión, TEGRA veu a encher un baleiro ben localizado: a ausencia de solucións de seguridade ligadas ao dato. Deste punto, engadiu, xurdiron tecnoloxías como a devandita Stela Filetrack, que ten a capacidade de achegar protección total a toda información que atesoura unha compañía. A ferramenta Stela Filetrack, que vai estar a disposición da comunidade de desenvolvedores e usuarios para ser probada e posta a punto, amplía a capacidade de manobra dunha empresa en relación aos seus datos: permítelle coñecer onde está a información con independencia de se os documentos atópanse nun local, en servidores, en correos electrónicos ou na nube; e tamén saber cando se comparten con outras persoas dentro e fóra da organización.

PUBLICIDADE