TICgal mostra ante administradores de toda España as posibilidades de Zabbix

xoves, 7 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

TICgal, empresa de Pontevedra con ampla bagaxe no fornecemento de solucións e servizos tecnolóxicos avanzados para empresas e entidades, vén de organizar con éxito de participación unha actividade formativa especializada sobre Zabbix, ferramenta de xestión e control de código aberto empregada a día de hoxe por algunha das principais compañías do panorama estatal e internacional, por exemplo Inditex, Air Europa, ING ou o Futbol Club Barcelona. O obradoiro, que se desenvolveu por segunda vez, foi impartido por un adestrador certificado de Zabbix chegado dende Porto Alegre (Brasil).
Para quen non o saiba, a dita solución é unha tecnoloxía deseñada para o seguimento e monitoraxe en tempo real de millóns de métricas enviadas desde servidores, máquinas virtuais e, en xeral, dende calquera dispositivo da Rede. Permite facer cousas como recoller e procesar información de servizos, aplicacións ou bases de datos, utilizando protocolos estándar como SNMP e IPMI; enviar alertas por correo electrónico, mensaxes de texto ou jabber, sendo posíbel estender a funcionalidade a outros medios de notificación como Whatsapp ou Telegram; crear taboleiros que permitan visualizar indicadores e alertas; presentar tendencias (trends) que anticipen o estado de servizos ou a necesidade de ampliación de recursos; ou realizar accións correctivas en resposta a disparadores (triggers) programados para ese efecto.
Como exemplo das posibilidades de Zabbix, no curso puido verse ao detalle unha operación de control e seguimento desenvolvida no Estadio Municipal Paulo Machado de Carvalho, coñecido como Estadio Pacaembú e utilizado eventualmente polo Santos Futebol Clube de São Paulo (Brasil). Na proba, móstrase como se monitora o acceso de público ao campo por cada un dos seus tornos, amosando de maneira gráfica a ocupación das bancadas por medio de Zabbix.
A formación estendeuse no tempo unha semana, na sede de Afundación de Pontevedra, onde se levaron a cabo dúas formacións e as súas correspondentes certificacións: Zabbix Certified Specialist e Zabbix Certified Professional.
Segundo informa TICgal, debido á escaseza de oportunidades formativas especializadas deste tipo, achegáronse á cidade do Lérez administradores de sistemas desde todos os recantos da xeografía estatal: Mallorca, Barcelona, Zaragoza, Sevilla, Asturias e Madrid, sen esquecer a Thiago, o formador, que se desprazou desde Porto Alegre exclusivamente para esta formación.

PUBLICIDADE