TTT Social Center dará a coñecer a finais de mes a súa aposta de marketing pola vía da integración

martes, 27 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

A tempada que estamos a vivir segue a dar moito de si no que se refire a presentacións, encontros e desenvolvemento de proxectos de todo tipo. Isto, cremos nós, vén dado por dous motivos: porque rematou o parón estival e, sobre todo, porque o noso sector está a facerse realmente forte a golpe de creatividade. Este ingrediente semella estar presente tamén na aposta tecnolóxico-dixital de TTT Social Center, empresa galega centrada na comunicación TIC que, á súa vez, é produto dos esforzos doutras tres empresas, unidas para dar corpo a unha iniciativa e demostrando, porque a mensaxe hai que dala seguido, que a unión fai a forza. TTT, por certo, dará a coñecerse en Santiago o día 30.
A cita será ás 11.30 no salón de actos de Nova Caixa Galicia, na praza de Cervantes, e vaille servir á empresa, entre outras cousas, para amosar en detalle a súa estratexia a prol da xestión integral da comunicación e máis a busca dunha meirande accesibilidade e inclusión de toda a cidadanía, por enteiro, na sociedade dixital. A firma, moi centrada no eido social, é froito da unión de tres empresarios galegos do sector, todos eles cunha longa experiencia na eliminación de barreiras TIC: David Bello, de IP Global, José María López Bourio, de Noa Innova, e Enrique Varela, da firma Tenyus SocialWare. Como dixemos, a empresa terá unha vertente claramente social e non excluínte, tanto no que se refire aos produtos que ofreza como de portas para dentro, o seu propio equipo humano, que estará integrado por unha maioría de persoas con algún tipo de diversidade funcional. A idea básica é pór en marcha un centro de comunicación apoiado por unha plataforma web especializado en telemarketing, xestionando campañas comerciais do xeito máis cómodo posible para o traballador, que poderá operar en liña dende o fogar.