Tan só a metade das Pemes galegas dispoñen de conexión a Internet

martes, 19 de xuño do 2007 Raquel Noya

Non cabe dúbida de que as novas tecnoloxías trouxeron consigo un cambio espectacular en practicamente tódalas empresas do mundo. Nos últimos anos cabe destacar a Rede de Redes maila telefonía móbil como dous elementos revolucionarios e imprescindibles en calquera entidade, con independencia do seu tamaño e situación xeográfica. Por desgraza, aínda queda moito camiño por percorrer, e sobre todo en Galicia, onde a fenda dixital existente está sendo (se cabe) máis evidente respecto doutras Comunidades nas que os conceptos tradicionais comezaron a desaparecer a consecuencia de Internet.
O nivel tecnolóxico de Galicia nas Pequenas e Medianas Empresas (Pemes), reflexa que, dun total de 185.396, tan só a metade dispoñen de conexión a Internet, e que máis de tres de cada dez (69 por cento) non teñen nin sequera ordenador.
As causas directas deste retraso tecnolóxico son moitas e moi variadas pero sobre todo destacan as seguintes:
- Descoñecemento total ou parcial das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías en xeral (Internet en particular).
- Pouco apoio por parte da dirección.
- Retorno da inversión pouco claro.
- Subestímanse as posibilidades que brinda Internet á empresa.
- Falta de planificación no proceso de integración de Internet.
- Falta de persoal cualificado para este área.
- Non se remodelan os procesos da empresa para a correcta adecuación do negocio.
- Resistencia ó cambio.
- Falta de metodoloxía no desenvolvemento do proxecto.
Neste contexto, o Ministerio de Industria traslada a iniciativa Red.es á nosa comunidade para “concienciar e promover” o emprego das novas tecnoloxías entre as Pemes, ó tempo que da a coñecer as vantaxes do seu uso.