Tanxugueiras iniciou un ciclo de conversas virtuais diarias en YouTube
luns, 30 de marzo do 2020
O
confinamento lévase mellor con música e, tamén, falando de música.
Conscientes disto, a agrupación Tanxugueiras iniciou este sábado un
programa propio de conversas virtuais con artistas e axentes
culturais. Estes faladoiros online con Sabela Ramil, Rodrigo
Cuevas, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Gayoso ou Verto
(entre outras e outros) teñen un obxectivo duplo: por unha banda
fortalecer os vencellos da comunidade “nun intre excepcional” e,
pola outra, achegar aos fogares unha nova opción de lecer para estes
días de confinamento.
Os
faladoiros, dunha duración de media hora, celebraranse todos os días
na canle de YouTube de
Tanxugueiras durante dúas semanas, en horario de 13.00 a 16.00
horas. Achegarannos ás propostas, opinións e puntos de vista de
artistas, xornalistas e axentes vencellados ao eido musical, tirando
dos fíos temáticos do confinamento e da situación actual do sector
cultural.
Segundo
apuntan dende Tanxugueiras sobre os porqués destes faladoiros, “as
e os artistas temos tamén unha responsabilidade social e podemos
aproveitar a nosa visibilidade para reforzar os vínculos de
comunidade nun momento tan especial”. O obxectivo, tal e como
sinala o grupo, “é abordar unha situación excepcional desde un
punto de vista distendido e próximo, compartindo co público como
vivimos desde o mundo da música e da cultura este momento”.
A
programación e horario específico destes encontros anunciaranse cun
día de antelación, a partir das 20.00 horas, nas redes sociais de
Tanxugueiras (tanto en Instagram
coma en Facebook).
Último vídeo da canle de YouTube das Tanxugueiras
