Taringa bota o peche tras 20 anos
martes, 12 de marzo do 2024
Unha das comunidades hispanas en liña de maior tamaño e historia, Taringa, anuncia que tras dúas décadas de «fantásticas historias, memes, trolleadas, intelixencia colectiva por doquier» decidiron que o vindeiro día 24 botarán definitivamente o peche.
Tras escoitar isto sería doado pensar que se trata da consecuencia dunha resolución xudicial por algunha causa contra a piratería audiovisual ou de software, xa que hai unha década era bastante frecuente empregar Taringa para atopar aplicacións e as últimas películas e series de televisión para a súa descarga, pero a realidade é moi diferente, e o peche responde directamente a un cambio de tendencias, ou sexa, ante a imposibilidade de competir coas plataformas de redes sociais actuais.
Taringa naceu en 2004 da man do estudante Fernando Sanz, para pasar a mans dun grupo de emprendedores en 2006, converténdose nunha plataforma de referencia en fala hispana. A súa popularidade en América Latina e España era innegable até 2015, cando comezou a perder pulo pese a atesourar máis de 27 millóns de usuarios rexistrados, até perder totalmente a súa relevancia, o que levou a que en 2019 se vendese por unha compañía especializada en blockchain que quería reformular a plataforma para adaptala á prometedora web3. En maio de 2023 Taringa viviu un relanzamento que non parece ter conseguido os obxectivos desta compañía que, pese a desenvolver case toda a súa historia dende Arxentina, actualmente tiña as súas oficinas en Montevideo (Uruguai).