Tecnópole formará o profesorado galego para que a rapazada aprenda a investigar na escola

luns, 23 de setembro do 2024 S. P.

Con motivo do 20 aniversario de Galiciencia, a meirande feira científica galega, a Tecnópole vai promover un curso gratuíto para docentes de Secundaria, Bacharelato e FP de toda a comunidade, centrado na investigación no ámbito educativo. Con esta iniciativa búscase “mellorar as habilidades do profesorado para estimular e guiar ao alumnado no desenvolvemento de proxectos de ciencia e tecnoloxía”. Lembrar que a vindeira edición de Galiciencia celebrarase os días 14, 15 e 16 de maio, baixo o epígrafe temático Neurociencia e saúde mental.
Durante o curso, abordarase como xerar e enfocar un tema de investigación. Explicarase como orientar á rapazada neste proceso, desde a planificación e realización da investigación ata a análise dos resultados e a comunicación dos mesmos. Incidirase en aspectos clave como saber identificar recursos fiábeis, aportaranse consellos para evitar o plaxio, ao tempo que serán “aportadas ferramentas tecnolóxicas de grande utilidade”, explicou a Tecnópole, engadindo que tamén será amosado como se debe presentar un traballo de investigación científica, tanto escrito como oral. Por último, exploraranse feiras galegas e nacionais como Galiciencia, ás que o alumnado pode presentar as súas propostas.
Esta actividade formativa constará de varias sesións online, que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses, de outubro a decembro, e outra presencial que terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia en xaneiro de 2025.
Como máximo poden participar dous docentes por centro educativo, que deberán estar en activo impartindo a etapa de Ensino Secundario, Bacharelato ou FP. Buscarase a equidade entre as catro provincias galegas e tamén na participación de xénero. Terá prioridade o profesorado que imparta materias de ciencia ou tecnoloxía e o de centros públicos de Galicia. Hai un total de 30 prazas dispoñíbeis.
A inscrición deberá realizarse entre o 23 e o 27 de setembro, a través da web de Galiciencia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional aprobou o recoñecemento de horas de formación docente para os participantes no curso.
O curso impartirano dous prestixiosos divulgadores: Patricia Barciela e José Viñas. Patricia Barciela é directora técnica da Domus - Museos Científicos Coruñeses desde 1998. Profesional da comunicación científica, ten participado en numerosos proxectos nacionais e internacionais neste eido e posúe unha dilatada experiencia como formadora de profesorado para introducir a ciencia na aula.
Pola súa parte, Jose Viñas é asesor no Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX). Ten gañado diversos premios educativos como Innovagal, Educa Abanca ou Europeana, entre outros; e o seu labor foi recoñecido en feiras como Ciencia en Acción, Diverciencia ou Exporecerca. Foi asesor pedagóxico do portal European Schoolnet e mentor en diferentes proxectos internacionais. Na actualidade é embaixador de Scientix -a comunidade para o ensino das ciencias en Europa- e membro da xunta consultiva do proxecto europeo EduWorld.