Telecomunicación de Vigo presenta a súa propia rede de mecenas con 16 empresas TIC

venres, 12 de maio do 2023 S. P.

Este mércores 10 de maio a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo presentaba a súa iniciativa Conexión Teleco, trátase da súa propia rede de mecenas, da que xa forman parte 16 entidades, incluíndo empresas e centros tecnolóxicos co obxectivo de facer máis doada a interacción entre estes 16 organismos que procuran novos talentos para os seus equipos e o alumnado do centro, facendo fincapé nos que están a piques de comezar a súa vida laboral.
A nova rede presentábase este mércores no edificio Redeiras coa presenza do reitor, Manuel Reigosa; a directora da escola, Rebeca Díaz, e varias das persoas que exercerán de mecenas: Ruth Escarda, xerente técnica en Indra T&D e responsábel da empresa en Vigo; Telmo Calle, director do centro técnico en electrónica na multinacional da automoción BorgWarner, e Roberto Pérez, socio consultor de Optare Solutions.
“Somos unha universidade moderna que quere fornecer de talento á súa contorna e, neste sentido, Conexión Teleco vainos permitir unha dobre vantaxe: por unha banda, é bo para a escola, xa que facilita que as alumnas e alumnos teñan conexión de primeira man co traballo que van realizar no futuro e, pola outra, é bo para estas 16 empresas, xa que acceden de xeito directo a todo o talento que agroma nas nosas aulas”, explicou o reitor ante os representantes das empresas e centros tecnolóxicos participantes. “A colaboración público-privada é importantísima para o país”, recalcoulles Reigosa, ao tempo que os animou a tirar proveito desta iniciativa na captación de talento e tamén no desenvolvemento de programas de I+D+i.
Asemade, a directora da escola, Rebeca Díaz, explicou que por medio desta iniciativa búscase a excelencia na formación de profesionais da Telecomunicación, atraendo estudantes que aínda non se matricularon na universidade, potenciando o interese e premiando o esforzo do estudantado que está en proceso de formación”, explicou a directora da escola, Rebeca Díaz.
Cómpre engadir que as compañías e organismos de investigación do sector precisan profesionais do perfil das persoas que se forman na ETT é, neste senso, recoñecen que se trata dun dos seus principais viveiros. “Participar en Conexión Teleco permítelles ter unha maior presencia no centro e, por tanto, estreitar a súa relación co estudantado”, insistiu Díaz, quen tamén apuntou que “a día de hoxe o cen por cen do noso alumnado fai prácticas en empresas”.
As entidades que participan na rede Conexión Teleco poden facelo de dous xeitos, segundo sexan as súas achegas ao proxecto: amigas ou mecenas. Arestora conforman a rede 11 entidades mecenas: BorgWarner, Centum Research & technology, Optare Solutions, Indra, Quobis, Televés corporation, Marine Instruments, Gradiant, CTAG, R e Atlanttic; e cinco entidades amigas: Muutech, Everis, GB Tech, Balidea e Imatia. Todas estas entidades comprométense a ofrecer prácticas profesionais ás alumnas e alumnos da escola. Nesta liña, cada unha elaborou cadanseu vídeo, de arredor de cinco minutos, nos que contan en primeira persoa en que sector son líderes (Intelixencia Artificial, ciberseguridade, desenvolvemento e implantación de software a medida, etc) e as razóns polas que lle interesan contratar persoas tituladas en Enxeñaría de Telecomunicación da EET da UVigo.
Alén disto, as entidades mecenas, adquiren compromisos de patrocinio de actividades e premios, tales como premios a estudantes de primeiro curso co mellor expediente académico (galardóns de recente implantación); premios aos mellores traballos do Laboratorio de Proxectos (Premios LPro); ou galardóns para os mellores traballos de fin de titulación, entre outros.
Dende a escola barállase outra iniciativa de mecenado, como as Olimpíadas nacionais de telecomunicación, das que a escola é coorganizadora; os actos de graduación, tanto de grao como de mestrado, ou calquera outra actividade que poida xurdir no eido da divulgación e a captación de estudantado.
Dende a EET de Vigo anuncian a posibilidade de pór en marcha unha nova titulación con mención dual no ámbito TIC, algo no que se está a traballar. Segundo o reitor, o día 31 remata o prazo de alegacións do proxecto galego de educación dual na universidade; un grao dual, “no que estarán as empresas dende o principio, asumindo compromisos para que o final da formación se faga xa dentro da empresa”.

PUBLICIDADE