Telefónica Open Future rematou 2017 con 1.700 startups aceleradas

mércores, 10 de xaneiro do 2018 Redacción

Telefónica vén de facer balance do acadado en 2017 a través da súa iniciativa Open Future, programa de aceleramento e traballo colaborativo que, como lembraremos, ten presenza notábel na nosa terra a través do centro de crowdfounding Galicia Open Future, con sede na Cidade da Cultura. Segundo fai saber a operadora, a devandita plataforma medrou no último ano en número de novas firmas innovadoras aceleradoras (6,7%), investidas (12%) e que teñen produtos ou servizos de interese para a compañía española de telecomunicacións (até acadar as 120).
Ademais, no balance tamén se fai saber que en 2017 medraron as saídas do capital nas startups impulsadas (nun 37%) e que o número de centros de emprendemento (na liña de Galicia Open Future) incrementouse coa incorporación de 26 novos espazos en todo o mundo.
En definitiva, 2017 rematou cunha listaxe de 1.700 firmas acubilladas, unha boa parte delas vencelladas ás redes fixas e móbiles, a protección tecnolóxica, a Internet das Cousas, a análise de información a gran escala (Big Data) os servizos de vídeo, a realidade virtual ou a intelixencia artificial. A cifra de proxectos avaliados en todo mundo por Telefónica, con vistas a incrementar a concorrencia e a excelencia de Open Future, foi de 20.000 iniciativas novas de mercado.

PUBLICIDADE