Telefónica Tech e Denodo alíanse para transformar a xestión dos datos
mércores, 4 de decembro do 2024
- O galego Ángel Viña, director executivo (CEO) de Denodo
Telefónica Tech aliouse con Denodo, empresa galega referente en xestión de datos con máis de 25 anos de traxectoria e presenza en máis de 30 países, para impulsar en España a transformación da xestión dos datos no tecido empresarial a través de Denodo Platform, unha solución que tira proveito da virtualización de datos para integrar, xestionar e entregar a información procedente de múltiples fontes “dunha forma lóxica” e “axudar así ás organizacións para tomar mellores decisións de negocio”.
A ferramenta, incorporada ao catálogo de produtos de análise de datos a gran escala (Big Data) de Telefónica Tech a raíz deste acordo, proporciona os datos en tempo real facendo que estes sexan accesíbeis e seguros para todos os usuarios e aplicacións empresariais.
En palabras de Telefónica, “o uso desta plataforma permite que os usuarios poidan acceder de maneira inmediata e sinxela aos datos que precisan, de xeito gobernado e sen preocuparse de onde están aloxados, como están formatados ou con que rapidez cambian”. Así mesmo, facilita a analítica como autoservizo, a ciencia de datos, a integración de datos híbridos/multi-nube e os servizos de datos empresariais.
O acordo entre ambas as compañías para promover unha xestión máis eficiente e segura dos datos en España a través do uso de Denodo Platform “acelerará a activación real de proxectos de análise avanzada e IA xenerativa nas organizacións” e a “obtención de perspectivas máis completas e en tempo real dos seus datos con independencia de onde estes residan”, engadiu a operadora española.
Carlos Martínez, director global de solucións e servizos de Intelixencia Artificial e Data en Telefónica Tech, explica: “A nosa alianza estratéxica con Denodo marca un fito na nosa misión de ofrecer solucións de datos e IA de vangarda. A plataforma de xestión lóxica de datos de Denodo, combinada coa nosa experiencia en Big Data e Intelixencia Artificial, permitiranos proporcionar aos nosos clientes unha xestión de datos máis áxil, segura e eficiente. Xuntos estamos a achandar o camiño para unha nova era de innovación baseada en datos que impulsará a transformación dixital e o crecemento empresarial”.
Bernardo Godar, vicepresidente e director xeneral de Denodo para Iberia e Latinoamérica, asegura: "En Denodo estamos moi orgullosos de colaborar cunha compañía como Telefónica Tech. Con Denodo Platform, poñemos ao dispor das empresas un enfoque de integración de datos lóxico que posibilita a creación de produtos un 60% máis barato e un 80% máis rápido que cos métodos máis tradicionais como ETL e é unha opción operativa para gobernar os datos, facilitando o acceso controlado, a axeitada xestión da privacidade e a incorporación da dimensión financeira na xestión”. E engade: "A nosa alianza permitirá acelerar a adopción de tecnoloxías avanzadas como a análise de datos e a IA xenerativa, fomentar a innovación en data science, e lograr unha optimización da xestión de datos a nivel corporativo. Así, as empresas españolas obterán unha vantaxe competitiva única nun mercado cada vez máis esixente".