Telefónica e Pontevedra xuntan forzas a prol da empregabilidade dixital

mércores, 21 de xullo do 2021 Sandra Rivadulla

JPEG - 35.8 KB
Detalla da fachada do Consistorio antigo de Pontevedra

A Fundación Telefónica e o Concello de Pontevedra asinaron un acordo para fomentar a especialización nos perfís máis demandados do mercado laboral actual. Deseñador web ou especialista en mercadotecnia (marketing) dixital son algunhas das profesións máis demandadas en Pontevedra, segundo os datos das principais bolsas de emprego.
Así, ambas institucións avanzan un paso máis para afrontar os novos desafíos da sociedade e orientarse cara o sector dixital. Desta forma, o alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que “o acordo que presentan é o primeiro paso dunha colaboración longa e frutífera”. Do mesmo xeito, Joan Cruz, de Fundación Telefónica, afirma que “levan moitos anos traballando pola mellora da empregabilidade a través de competencias dixitais, que son ferramentas clave para contribuír a reactivar a economía e xerar emprego”.
Por medio do programa de formación dixital e gratuíto, Conecta Emprego, calquera persoa interesada en deseño e programación poderá mellorar as súas competencias tecnolóxicas en programación, deseño de videoxogos, desenvolvemento de páxinas web en Wordpress e creación de contidos dixitais. A duración do curso será de entre 20 e 40 horas. Ademais, estes contan con actividades prácticas.
Cómpre mencionar que o programa xa beneficiou durante 2020 a 204.880 persoas de 9 países, alcanzando case os 3 millóns de horas de formación impartidas. En España, os beneficiarios foron 51.478, cifra que se prevé aumentar este ano.
Polo momento, as inscricións xa están abertas e dispoñibles ata o 30 de setembro de 2021. Non obstante, Conecta ten dúas ferramentas dixitais de asesoramento profesional gratuítas, o Mapa do Emprego e o Orientador Profesional Virtual para traballar de maneira personalizada.

PUBLICIDADE