Telefónica e a firma galega Spica dixitalizan con éxito o sistema de plenos do Concello de Collado Villalba

xoves, 14 de xullo do 2022 S. P.

Telefónica vén de facer balance do acadado pola solución Seneca no Concello de Collado Villalba, en Madrid. Trátase dunha solución de plenos híbridos que se integra de forma permanente en contornas semipresenciais. Foi implantada e desenvolvida no dito Consistorio por Telefónica Empresas e a firma galega Spica, con sede en Vigo. Segundo fixeron saber, o sistema superou os seus obxectivos nos seus nove primeiros meses de vida. Neste período de tempo graváronse máis de 100 encontros e eventos, dixitalizado todos os plenos ordinarios e extraordinarios e o seu contido online foi visto por un de cada 21 cidadáns da localidade madrileña. O sistema, engade a operadora, “permitiu unha maior flexibilidade laboral aos traballadores do Concello e facilitou que as máis de 63.000 persoas que forman parte da poboación deste termo municipal poidan estar informadas as decisións que se toman a nivel local”.
Desde Telefónica e Spica destacan “o beneficio que supón para os habitantes de Collado Villalba ter unha Administración cada vez máis dixitalizada, con ferramentas como Seneca para poder acceder de forma áxil, segura e en remoto ao momento da orde do día que sexa do seu interese sen necesidade de ver ou descargar todo o debate”.
O funcionamento do sistema é o seguinte. Cando un concelleiro acende o seu micrófono, o software Seneca apunta o seu nome para facilitar a posterior procura da súa intervención e, ademais enfócao automaticamente cunha das cámaras do salón de plenos. Desta forma, a intervención retransmítese en streaming e grávase para que se poida consultar posteriormente na mediateca Seneca do Concello en Internet. Pouco tempo despois de finalizado o pleno publícase de xeito automático na mediateca onde a gravación aparece estruturada por puntos da orde do día e intervencións facilitando o acceso directo ao tema que interesa.
De face ao seu uso polos cidadáns, eles poden conectarse de balde á plataforma a través dun PC, móbil ou tableta. Amais, engaden Telefónica e Spica, “grazas á procura asociada baseada en Intelixencia Artificial poden acceder ás declaracións específicas dun político ou á referencia dun tema concreto”.
O sistema tamén conta cunha ferramenta de acceso segundo o perfil do usuario, contando con cinco niveles de protección. Ademais, as sesións etiquétanse segundo as partes asociadas, como, por exemplo, o tipo de orador (presidente, secretario, etc.) ou de órgano que se reúne (pleno, comisión, etc.). Así mesmo, pódense incluír outros esquemas de clasificación xerárquicos para almacenar gravacións non lexislativas de forma ordenada. As gravacións permanecen na institución e sóbese unha copia á mediateca de Seneca na nube, reducindo o risco de perder o contido se a institución é atacada por un ciberdelincuente.