Telefónica encarga a Huawei a instalación da súa rede virtual EPC nunha ducia de países

luns, 30 de xaneiro do 2017 Redacción

Telefónica daba a coñecer hoxe a súa aposta por Huawei de cara a cooperar co provedor de solucións de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) en contornas virtualizadas. Emporiso, as dúas compañías traballan nunha rede a gran escala de vEPC (virtual Evolved Packet Core), o corazón de paquetes das redes LTE virtualizado, un marco para prover voz e datos converxentes nas redes 4G LTE, en América Latina e Europa. Indo á rede de vEPC, dicir que abranguerá once países de América Latina: Arxentina, Brasil, Colombia, Costa Rica, O Salvador, Guatemala, México, Nicaragua, Perú, Panamá e Uruguai; e dous en Europa: Alemaña e España.
A solución vEPC de Huawei, denominada CloudEPC, permite construír redes áxiles que se axustan decontado ás demandas de novos servizos, reducen os custos de produción, soportan unha implementación máis rápida dos servizos e asignan recursos virtuais ao tempo que achegan dispoñibilidade, seguridade e fiabilidade, permitindo a integración coas redes legadas de Telefónica. Así, o despregamento de vEPC permitirá atender diversos casos de uso que inclúen servizos tradicionais centrados no cliente: IoT/M2M, MVNO, redes LTE privadas así como computación no bordo móbil (Mobile-Edge Computing). O vEPC de Huawei mantén as mesmas características que a súa versión física existente, SingleEPC, herdando así a experiencia e as vantaxes do seu liderado en tecnoloxías de comunicación.
Telefónica e Huawei estiveron traballando e probando de maneira conxunta o rendemento de Huawei CloudEPC no Laboratorio de Referencia NFV de Telefónica en Madrid. Durante as probas, Huawei CloudEPC amosou un dos mellores rendementos no plano de datos e no plano de sinalización grazas á súa arquitectura que fai uso das tecnoloxías EPA (Enhanced Platform Awareness).
Arestora Telefónica e Huawei están a probar a integración da solución CloudEPC na plataforma UNICA Infraestrutura de Telefónica o que permitirá a automatización completa dos despregamentos vEPC e a xestión do seu ciclo de vida dentro das redes da compañía.

PUBLICIDADE