Telefónica inicia unha profunda reestruturación

xoves, 28 de novembro do 2019 Marcus Fernández

José María Álvarez-Pallete, conselleiro delegado de Telefónica O Consello de Administración de Telefónica aprobou a proposta do seu presidente executivo, José María Álvarez-Pallete, un novo plan de acción que servirá para avanzar na transformación da compañía dando prioridade aos mercados nos que a compañía poida ser máis relevante e buscando un modelo sustentable de crecemento a longo prazo. Álvarez-Pallete asegura que estamos ante «unha revolución tecnolóxica, pero tamén unha revolución social que alterará o noso futuro inmediato», publicando tamén unha carta aberta aos accionistas na que apunta que «as compañías que non asuman a súa responsabilidade neste novo mundo deixarán de ser relevantes no curto prazo».
Os cambios de Telefónica van ser profundos, centrándose en 5 decisións estratéxicas:
– Focalizar o investimento e crecemento nos catro mercados máis importantes da compañía: España, Brasil, Alemaña e Reino Unido
– A creación de Telefónica Tech
– A creación de Telefónica Infra
– Unha spin-off operativa baixo unha única sociedade dos negocios en Hispanoamérica
– A redefinición do Centro Corporativo
Actualmente Telefónica está presente en 14 países, pero o 80% dos ingresos proveñen de só 4, de aí que decidan priorizar os investimentos neses mercados, mentres que a segregación dos negocios hispanoamericanos búscase optimizar os recursos e atraer investidores, de xeito que a compañía estaría aberta a desprenderse das súas filiais en países que non resultan rendibles.
A creación de Telefónica Tech supón a concentración dos negocios dixitais con alto potencial de crecemento como a ciberseguridade, a Internet das Cousas, o Big Data e os servizos na nube. A nova entidade acubillará así as unidades dedicadas aos servizos indicados, como un xeito de focalizar máis a xestión e conseguir atraer ao talento tecnolóxico axeitado.
Por outra banda, con Telefónica Infra búscase aglutinar as participacións accionariais de Telefónica en vehículos de infraestruturas de comunicacións (como a participación maioritaria en Telxius) dando servizos a terceiros operadores e incorporando socios.

Vídeo coa presentación da nova Telefónica

PUBLICIDADE