Telefónica levará a banda larga a máis núcleos rurais de San Sadurniño

xoves, 23 de decembro do 2021 S. P.

O Concello de San Sadurniño vén de achegar un avance dos vindeiros traballos que se van desenvolver no termo municipal para dotar a máis fogares e empresas con Internet de alta velocidade. Isto será posible grazas a unha nova resolución de axudas do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, destinadas ao traballo de despregue das operadoras en zonas sen cobertura (Programa Único financiado polos fondos Next Generation). No caso de San Sadurniño será Telefónica a encargada destes labores, ampliando as infraestruturas necesarias para levar a banda larga a un total de 23 puntos de Naraío, Santa Mariña e Ferreira.
Esta nova fase da despregadura vén a sumarse ás promovidas polo Estado e a Xunta en anualidades anteriores. Dentro delas dotouse -ou está previsto dotar- con boa conexión todo o centro urbano de San Sadurniño e os lugares máis poboados de Lamas, Ferreira, Igrexafeita, Bardaos e Santa Mariña.
O plan de extensión da banda larga correspondente a 2020 incluíu tres proxectos, correspondentes á fibra óptica no Casal, Marqués de Figueroa e o Outeiro, a zona de San Xiao de Lamas e a chegada da alta velocidade de conexión á Golpilleira, en Santa Mariña. O Concello explica que estes programas deberán estar completados no ano que entra e, mentres, o Estado sacou a convocatoria de 2021 que en teoría debería executarse no período 2022-23, dado que o Ministerio aspira a unha “cobertura total” de boa calidade en todo o país (mínimo 100 Mbps) no horizonte de 2025.