Telefónica mantén o dividendo malia o relevante choque da COVID-19
xoves, 7 de maio do 2020
Teléfonica
vén de facer balance da súa actividade recente, achegando datos de
interese sobre a incidencia que tivo, os meses pasados, a pandemia de
COVID-19 sobre o seu medre e rendemento: un impacto limitado que
non lle impide manter o dividendo. Segundo fai saber a operadora, se
ben o Decreto de Alarma e o confinamento deixou pegada en parámetros
como a actividade das redes da compañía (que “tiveron picos de
tráfico sen precedentes”), as infraestruturas de seu demostraron
unha vez máis a súa robustez e a súa fiabilidade. Polo que se
refire aos ingresos, acadaron os 11.366 millóns de euros no primeiro
trimestre do ano e reducíronse un 1,3% interanual en termos
orgánicos (-5,1% reportado, principalmente polo efecto divisa).
A
nivel internacional, os ingresos agregados dos catro operadores clave
da compañía mantéñense estábeis en termos orgánicos, con
crecementos do 3,8% en Alemaña e do 1,5% en Reino Unido.
Polo
que respecta ás medidas postas en marcha para atallar a crise
sanitaria e contribuír aos recursos da cidadanía para sobrelevar o
confinamento (garantindo teletraballo, teleformación, comunicación
de calidade, lecer no fogar, etc), a operadora puxo en marcha medidas
como a creación dun fondo de 25 millóns para achegar equipos
sanitarios e respiradores ás zonas máis afectadas, mercou 150
toneladas de equipamento sanitario e proporcionou aos seus clientes,
gratuitamente e nos distintos países, un incremento de GB
adicionais, así como un reforzamento da oferta de lecer e de
contidos. Amais, no ámbito da educación, e a través de Profuturo
(impulsado por Fundación Telefónica e Fundación a Caixa), doou
5.600 tabletas a familias en situación de vulnerabilidade con fillos
en idade escolar, “para que poidan seguir formándose e aprendendo
desde casa”.
Por
outra banda, puxo a disposición das administracións e as
institucións sanitarias as súas capacidades de Big Data e de
xestión de datos anonimizados así como capacidades de atención
telefónica ou dixital, entre outras medidas solidarias con
institucións sociais e sanitarias.
Máis
cifras
Volvendo
ás cifras, a empresa anunciou que ten cubertos os vencementos de
débeda dos vindeiros dous anos e conta cunha posición de liquidez
de 22.500 millóns, da que 8.700M correspóndese cos activos líquidos
dispoñíbeis. Tamén confirmou o dividendo anunciado para 2020 de
0,4 euros por acción.