Telefónica pon a disposición de Navantia unha plataforma dixital para o deseño e construción dos buques de armada
martes, 14 de xullo do 2020
Telefónica
vén de chegar a un acordo tecnolóxico con Navantia que iría
destinado a facilitar e optimizar a construción naval. En
concreto, a través desta alianza poríanse a disposición de
Navantia unha innovadora plataforma dixital coas últimas tecnoloxías
no deseño, construción e apoio ao ciclo de vida dos buques da
Armada. O obxectivo é contribuír no plan de transformación dixital
de Navantia. Como lembraremos, unha
das catro sedes estatais de Navantia está en Ferrol, onde se
emprazan as divisións para a construción naval, a posta a punto de
buques, o apoio ao ciclo de vida, as seccións de propulsión e
xeración e máis a división eólica.
A
respecto deste acordo, Adrián García Nevado, director de Empresas
de Telefónica, sinalou que a experiencia de Telefónica como
operadora dixital será posta a disposición de Navantia a través
“dos nosos servizos de nube privada virtual e redes de
comunicacións”. Todo iso, dixo, “proporcionará infraestruturas
e servizos profesionais á navieira para incrementar as súas
capacidades dixitais”.
A
adxudicación do proxecto, por un valor de 5,2 millóns de euros que
se poden ampliar a 14 millóns, implica o uso de tecnoloxías como
virtualización de servidores e aplicacións, recuperación da
información ante desastres e a certificación da plataforma ante
organismos oficiais.
Segundo
informou a operadora, grazas a esta alianza Navantia poderá “ter
todas as ferramentas de dixitalización no proceso de vida dos
buques, desde o seu deseño cun software avanzado, pasando pola
construción ata completar o apoio ao ciclo de vida coa creación
dun xemelgo dixital”. Tamén fixo saber que a infraestrutura da
plataforma estará aloxada nos centros de datos de TecnoAlcalá e
Julián Camarillo que “cumpren coas máis estritas certificacións
de seguridade”.
