Telefónica trae a España o HTC Dream

xoves, 12 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Telefónica e o fabricante HTC Corporation chegaron a un acordo para traer a España o HTC Dream, dispositivo móbil que incorpora o sistema operativo Android, de xeito que Telefónica convértese na primeira compañía móbil española en anunciar co sistema operativo promovido por Google, e ratifica a súa aposta por incorporar ao mercado os terminais móbiles máis avanzados, independentemente do sistema operativo co que traballen, co obxectivo de asegurar ao cliente a mellor experiencia e acceso á Internet móbil.
O HTC Dream estará dispoñible entre 0 e 129 euros para os clientes que proveñan doutras compañías móbiles, e entre 0 e 199 euros para os usuarios móbiles de Telefónica que se pasen de prepago a contrato, e tamén para novas altas. Os prezos variarán en función do compromiso de voz (9, 20, 40, 60 ou 90 euros) e datos (10 ou 15 euros) que asuma o cliente (o que lembra ao cadro de prezos do iPhone, aínda que reducindo lixeiramente as cotas).
Segundo Luís Ezcurra, director de Terminais e Multimedia de Telefónica España, «é un orgullo para Telefónica ser o primeiro operador de España que lanza o HTC Dream, un dispositivo móbil equipado co sistema operativo Android. Hoxe en día, Internet e o teléfono móbil son ferramentas indispensables por igual nas nosas caóticas vidas, pero só unha pequena parte dos usuarios accedemos a Internet dende os nosos teléfonos móbiles. O HTC Dream é unha grande oportunidade de acelerar a adopción masiva da Internet móbil en España».
O HTC Dream sería un terminal equivalente ao xa popular T-Mobile G1, pero comercializado baixo a súa marca orixinal (sen remarcalo co nome da operadora de telecomunicacións que o subministra).

PUBLICIDADE