Telegram podería deixar de estar dispoñible en Rusia en poucos días

venres, 6 de abril do 2018 Marcus Fernández

Unha das plataformas alternativas a WhatsApp, Telegram, que nos últimos días celebraba ter superado os 200 millóns de usuarios mensuais activos, recibiu o mes pasado unha petición xudicial de entrega das súas chaves de cifrado ao FSB (un dos organismos sucesores do KGB), tendo un prazo de 15 días para cumprir coa resolución, e dado que tras superar o prazo non atenderon á demanda, o goberno ruso iniciou os trámites para limitar o acceso a Telegram.
Aínda que Telegram ten un volume de uso pouco relevante a nivel mundial, é a aplicación máis popular en Rusia e os países do seu contorno, de aí que o FSB quixese facilidades para poder descifrar as comunicacións a través desta ferramenta, e dado que Telegram rexeitou tal demanda, iniciaron hoxe os trámites xudiciais para que no territorio de Rusia se restrinxa o acceso á ferramenta de mensaxería de Telegram.
Deste xeito é moi probable que nos vindeiros días os provedores de acceso á Internet en Rusia reciban instrucións para bloquear o acceso a Telegram, o que tería un grande impacto no volume de uso de tal plataforma.

PUBLICIDADE