Televés avalía en Santander as oportunidades que nos brinda o Dividendo Dixital

martes, 6 de setembro do 2016 Redacción

A sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Santander

A compañía galega Televés está a participar na edición número 30 do Encontro de Telecomunicacións e Economía Dixital que se celebra en Santander, na sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, da man de AMETIC e a Fundación Telefónica. Segundo informa a firma de equipamento de telecomunicacións con sede en Compostela, o encontro contará este 7 de setembro coa presenza de José Luis Fernández Carnero, director xeral de Estratexia de Televés, que tomará parte nunha mesa redonda titulada Dividendo Dixital: unha oportunidade para España.
Este faladoiro, informa Televés, será o marco para un debate sobre a futura migración de frecuencias da Televisión Dixital Terrestre (TDT), que antes de 2020 deixarán libre a banda dos 700 Mhz para facilitar o despregamento dos servizos móbiles 5G.
Segundo engade a empresa, “este proceso terá unha importante repercusión económica e, en particular, será fundamental para o sector industrial especializado en sistemas e bens de equipo, amais de ser tamén unha ocasión propicia para a actualización tecnolóxica e para fortalecer unha industria española que foi quen de acadar un gran prestixio a nivel internacional”.
Polo que respecta ao 30º Encontro Telecomunicacións e Economía Dixital o obxectivo é salientar o papel do sector TIC como motor da transformación dixital da sociedade e o tecido empresarial estatal. O evento reúne en Santander, entre o 5 e o 8 de setembro, a altos representantes de organismos públicos españois e europeos, xunto a destacados executivos de empresas tecnolóxicas referenciais, para pór pon en común reflexións e opinións sobre a evolución do sector e sobre as oportunidades e tendencias de futuro.
Por último, Televés lembra que para seguirmos a devandita mesa redonda temos unha ligazón específica para vela en streaming.

PUBLICIDADE