Televés crea filial escandinava
venres, 30 de setembro do 2016
- Carlos Rodríguez, de Televés
A
corporación galega Televés, centrada en servizos de
telecomunicacións, vén de anunciar que inaugura a súa filial
internacional número once. Estamos
a falar de Televés Escandinavia, que nace coa vontade de
aumentar a presenza da marca nos mercados escandinavos de Dinamarca,
Suecia e Noruega, amais do resto de países nórdicos (Finlandia,
Islandia e Grenlandia). Emporiso, para crear esta nova sociedade, a
corporación adquiriu o cento por cento do seu distribuidor sueco
Macab, cuxa estrutura de máis de 25 persoas seguirá no grupo.
Televés
Escandinavia ten a súa sede na cidade sueca de Trelleborg e estará
dirixida por Carlos Rodríguez Suañez, executivo de Televés e gran
coñecedor dos mercados nórdicos. Dicir que arestora, a cota da
compañía compostelá nos mercados escandinavos e nórdicos sitúase
arredor do 20%. O plan estratéxico da nova filial prevé elevar esa
penetración até o 50% nun prazo de cinco anos, espallándose até
os países bálticos (Estonia, Letonia e Lituania).
Para
acadar estas metas, sinala a compañía, “poranse en marcha plans
de negocio específicos de cara a tirar proveito das oportunidades do
Dividendo Dixital e o despregamento das tecnoloxías móbiles 4G e
5G, así como o desenvolvemento das redes de datos de alta
capacidade, nicho no que a compañía ten un bo posicionamento coas
súas solucións CoaxData e FibreData”. Outras oportunidades
estarán vinculadas á introdución de redes para operadores locais
(redes HFC/FTTX vía LAN/XGPON e puntos de acceso con tecnoloxías
sen fíos), nos que Macab xa conta con cota de penetración.
Alén
disto, outra das metas de Televés será o sector da saúde e a
atención sanitaria (hoteis, hospitais, residencias...), “pois”,
informa, “nunha contorna xeográfica onde a transmisión de TV é
100% dixital, aínda unha alta porcentaxe destes edificios distribúe
servizos de maneira analóxica”. Para solucionar isto Televés
conta con perspectivas en dixitalización de cara a este sector con
solucións IPTV e sistemas Dixital Signage.
Engadir
que coa apertura desta da oficina escandinava, a Corporación Televés
amplía a súa rede de filiais internacionais, presentes xa en
Portugal, Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña, Polonia, Rusia,
Estados Unidos, China e Emiratos Árabes.