Televés crea un dispositivo para a detección de antíxenos COVID-19 e evitar falsos negativos

mércores, 30 de decembro do 2020 Pedro Pérez

Televés está levando a cabo un proxecto de dispositivo electrónico-lector, co fin de poder ampliar a realización de probas de antíxenos COVID-19 máis fiábeis e seguras en puntos de acceso de grupos cidadáns. O dispositivo, de baixo custe e de tamaño de peto, integra un sensor multiespectral de contrastada fiabilidade en lectura de fluxo lateral.
Deste xeito, o aparello combinará un lector óptico da mostra e un módulo de conectividade a través dunha app de usuario, para enviar desde o móbil os resultados de forma automática, inmediata e segura ás autoridades sanitarias. O desenvolvemento, que estará listo a principios de ano, incluirá un lector óptico que codifica o resultado dixitalmente e elimina o actual proceso de análise visual da banda inmunocromática polo persoa sanitario que realiza a proba, reducindo así os falsos negativos, ao quitar da ecuación a posíbel falta de definición cromática do ollo humano.
Por un lado, un dos aspectos positivos que trae este proxecto é o tempo estimado para obter un resultado. Así, en tan só 10-15 minutos reaccionará bioquimicamente mostrando cunha codificación de barras e cores o resultado e a carga viral do usuario. Acto seguido da recollida de mostra, o dispositivo conéctase vía Bluetooth á aplicación no dispositivo móbil, e automaticamente informa e envía os datos pertinente directamente á base de datos da autoridade sanitaria competente.
Doutra banda, este dispositivo poría fin á reclamación por parte de certos sectores como o farmacéutico a realización e manipulación destes tests, xa que está ideado para a utilización en colectivos especializados como o farmacéutico, baixo a supervisión dunha persoa certificada.
O proxecto de dispositivo chega logo de que Televés alcanzara un acordo coa empresa Austrian Micro Systems, para integrar a tecnoloxía de lectura dixital no seu dispositivo. “Televés pretende estender esta solución a empresas biotecnolóxicas que fagan da tecnoloxía de fluxo natural, tanto para antíxenos como anticorpos, onde o dispositivo de Televés aportaría facilidade na administración da proba e fiabilidade mo resultado e xestión de datos”, declarou Iván Rodríguez, director das novas liñas de negocio de Televés.

PUBLICIDADE