Televés logra a certificación Zhaga d4i

mércores, 28 de setembro do 2022 S. P.

Televés vén de acadar un novo recoñecemento á excelencia do seu labor en novas tecnoloxías envorcadas na enerxía e na iluminación. Concretamente, obtivo a certificación Zhaga-D4i a nivel de luminarias, para as súas series Cíes, Urban (Alameda e Maia), e AtmosLED, en todas as súas potencias.
Televés destacou que “segundo marcan todas as tendencias actuais, a solución estándar Zhaga-D4i apunta a consolidarse como referente no mercado da iluminación intelixente e conectada”. A histórica empresa galega de telecomunicacións, con sede en Santiago, é un dos primeiros fabricantes en lograr a certificación, que avala o cumprimento de requisitos nas luminarias ao completo.
A compañía tamén fai saber que Zhaga-D4i logrou unha estandarización da interface entre luminarias LED e sensores/nodos de comunicación que cobre todas as características críticas, como o axuste mecánico, a comunicación dixital, o informe de datos e os requisitos de alimentación, o que garante a interoperabilidade plug-and-play de luminarias e nodos. Así, os drivers intelixentes certificados D4i integrados en luminarias poden almacenar e informar un gran volume de datos de maneira estandarizada, e ademais poden fornecer enerxía a compoñentes externos como sensores e módulos de comunicación.
“En Televés”, explican fontes da empresa, “sempre realizamos unha forte aposta por traballar baixo os estándares máis esixentes do mercado, e aínda que todas as nosas gamas cumpren tamén co estándar Nema 1-10V, que é o máis común ata o momento, a nova certificación Zhaga D4i permítenos fabricar produtos e solucións válidos para todo o ámbito de cobertura desta certificación, facendo que a consecución desta certificación, ademais de ser unha das primeiras empresas en logralo, sexa tamén un paso máis na súa filosofía de fabricar nun ámbito nacional para lograr unha proxección internacional”.