Televés mostrará a súa aposta sustentábel nunha xornada da Cámara de Santiago

xoves, 10 de decembro do 2020 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago vai achegar unha xornada online sobre os novos xeitos de xerar servizos e produtos dun xeito máis eficiente, rendíbel, competitivo e respectuoso co medio ambiente. Falamos da sesión A sustentabilidade, factor estratéxico para a peme, que se organiza en colaboración coa Cámara de Comercio de España e a Rede Española do Pacto Mundial.
O obxectivo da xornada, que contará coa presenza activa da compañía santiaguesa de telecomunicacións Televés e a conserveira boirense JEALSA, é “concienciar ás pequenas e medianas empresas para que sexan quen de asociar a rendibilidade económica co impacto social e medio ambiental”.
Segundo explica a Cámara de Santiago, a sustentabilidade é un factor estratéxico para as pemes e unha oportunidade para mellorar a competitividade e dar pulo á innovación. A cita será este 15 de decembro en horario de 10.00 a 12.00 horas. A xornada abrirá coa intervención de José Carballo, vicepresidente da Cámara de Comercio, e proseguirá cunha presentación de Ruben Carricondo, responsábel da Axenda 2040 da Rede Española do Pacto Mundial. A continuación celebrarase a mesa redonda sobre pemes sustentábeis e competitivas, na que participarán Jorge Montero, director de Fabricación de Televés, Leticia Rodríguez, directora de Desenvolvemento Sustentábel de Viaqua, e máis Rubén Carricondo.

PUBLICIDADE