Televés permite aforros do 80% coas súas tecnoloxías de alumeado profesional LED
martes, 24 de maio do 2022
Televés
vén de facer balance das súas máis innovadoras solucións nun
ámbito de traballo no que a compañía galega é xa un referente,
amais de no eido das telecomunicacións: o ámbito da enerxía e o
alumeado sustentábel e intelixente. As súas solucións neste eido
teñen o nexo común de axudar ás empresas, ás administracións e á
cidadanía en xeral a consumir recursos dun xeito máis respectuoso
co medio ambiente ao tempo que reducen o gasto. Estes
aforros poden chegar ao 80%.
Segundo
explican fontes de Televés, “o consumo enerxético dos concellos
sempre foi un dos apartados que máis parte dos seus orzamentos
acaparaba; algo que non fixo senón agravarse ao longo dos últimos
doce meses e que puxo nunha situación máis que comprometida a
algúns concellos, motivando que algunhas administracións locais
tivesen que modificar os seus orzamentos prevendo que se cumprisen os
peores presaxios para o prezo da electricidade de face a 2022”.
Co
obxectivo de evitar este tipo de situacións, e en “aras de reducir
a porción dos seus orzamentos adicada ao consumo eléctrico”,
Televés fornece aos concellos de recursos tecnolóxicos para
actualizar a iluminación pública, poñendo en xogo medidas
“eficaces e de rápido retorno”. A compañía de Santiago
salienta casos de éxito tan sobranceiros como o da localidade de
Armilla (Granada), onde unha actualización da instalación de
iluminación na súa Cidade Deportiva pola tecnoloxía de iluminación
LED profesional de Televés incrementou a calidade da visibilidade e
mellorou os cocientes de eficiencia enerxética até o punto de
reducir o seu consumo enerxético nun 60%. “Este aforro”, engaden
fontes da compañía galega, “non é só froito do bo facer da
citada tecnoloxía LED, senón tamén do precario estado das
infraestruturas de moitos municipios, equipados con luminarias e
lámpadas completamente obsoletas, ou mal planificadas”.
Televés
pon o foco deste xeito nalgunha das principais vantaxes da dita
tecnoloxía de luminarias: non só consumen menos enerxía que
calquera tecnoloxía anterior, senón que esta redución do gasto
tamén permite ao Concello reducir a potencia contratada; “o que
xera un aforro extra”. A isto engádese a maior vida útil e a
mellor fabricación, que eliminan custos de mantemento e reposición.
Nesta
liña de traballo, Televés fai saber que a súa gama de luminarias
LED profesionais para interiores e exteriores aseguran aforros
próximos ao 80 % da factura eléctrica, ao que se engade, nas súas
palabras, “o selo de fabricación dunha empresa que leva anos sendo
referencia de todos os sectores nos que entrou”. Esta excelencia na
fabricación, sinala, “garante instalacións completamente seguras
e sustentábeis”.