Terras de Pontevedra lanzará aplicación móbil de arte rupestre

luns, 24 de xullo do 2017 Redacción

O pleno da Mancomunidade nunha imaxe de Mónica Patxot

A mancomunidade Terras de Pontevedra vén de presentar a súa folla de ruta para os meses vindeiros. O obxectivo fundamental? Visualizar ante o mundo este destino turístico e promovelo como destino de primeira liña. Unha das principais actuacións do plan (fortalecido trala sinatura dun convenio coa Xunta por valor de 104.915 euros) será a implantación e desenvolvemento de novas tecnoloxías dirixidas á información e á comunicación avanzada cos viaxeiros e visitantes. Así, nun plano máis concreto, deseñarase unha aplicación de arte rupestre dirixida ao público familiar, actualizaranse e anovaranse os recursos da páxina web da mancomunidade (www.terrasdepontevedra.org) e poranse en marcha diversas accións de mercadotecnia en liña.
A entidade tamén anunciou que fará fincapé na promoción e comercialización do destino e dos seus atractivos turísticos, convidando a xornalistas, blogueiros e operadores turísticos para viviren experiencias turísticas de tres días e logo mostrar estas estadías nas redes sociais e nas diferentes ferramentas de comunicación tecnolóxica.
Terras de Pontevedra, como lembraremos, está integrada polos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, e está en trámites para incorporarse os concellos de A Lama e Barro, cos que se busca fortalece este destino turístico galego.