Terror en Cleveland tras a publicación en Facebook dun vídeo dun asasinato

luns, 17 de abril do 2017 Marcus Fernández

A pasada noite puidemos ver como Cleveland (Ohio) tremía ante unha nova de última hora: un asasino andaba solto anunciando que estaba a procurar novas vítimas das que teríase confirmado unha, o que provocou un grande impacto porque o seu asasinato puido verse gravado en vídeo co móbil do causante desta vaga de terror.
Falamos dunha alerta disparada en Facebook onde o usuario Stevie Steve, chamado realmente Steve Stephens, aseguraba estar a percorrer a cidade de Cleveland no seu vehículo na procura de vítimas, e como proba compartiu na Rede un vídeo no que podía verse como se achegaba a un ancián para dispararlle na cabeza sen motivo aparente, asegurando que era a 13ª persoa que mataba e engadindo que estaba a procurar unha 14ª (máis adiante incluso aseguraría ter chegado ás 15 vítimas), o que desatou o pánico, de xeito que a Policía iniciou unha grande operación de investigación para, inicialmente, confirmar as afirmacións realizadas na Rede e identificar ao culpable.
Puido corroborarse a morte de Robert Godwin Sr., de 74 anos, persoa a quen podía verse no vídeo difundido a través da Internet, pero as outras 12 mortes que se atribúe Stephens non se terían confirmado (polo que poderían ser falsas) dando a impresión de que o sospeitoso busca principalmente causar o terror como reacción a unha frustrante situación persoal (ao parecer vén dunha relación de parella fracasada e perdeu no xogo os seus cartos).

Retrato de Steve Stephens distribuído pola Policía de Cleveland

Resulta curioso ver como este incidente nacido na Rede tamén ten unha resposta acorde, e a Policía de Cleveland non para de dar actualizacións informativas sobre o suceso, con roldas de prensa que se retransmiten en directo a través da Internet. As autoridades incluso están a empregar as redes para conseguir información de utilidade (como para tentar localizar o vehículo de Stephens, do que difundiron imaxes e o número de matrícula) e insistiron no feito de que eles son a única fonte informativa fiable, querendo deixar claro o risco que supón a desinformación en casos coma este, ou sexa, que toda a información oficial que se teña publicarase nas canles do departamento policial na Rede para que os cidadáns poidan recibir as novas de primeira man.
Aínda que inicialmente pensouse que o vídeo que iniciou todo este incidente fora retransmitido a través de Facebook Live, finalmente confirmouse que o subira Stephens a posteriori, o que provocou certas dúbidas sobre o control nos contidos que deberían ter dende Facebook, plataforma que ás poucas horas eliminou as publicacións de Stephens, contribuíndo así a controlar a información nuns momentos complicados de cara á manter a calma entre os cidadáns.

ACTUALIZACIÓN (18-4-2017): Dende Facebook aseguran que tardaron 23 minutos en desactivar a conta de usuario do sospeitoso tras a recepción da primeira denuncia (que tardou en chegar 1 hora e 45 minutos), e aseguran que normalmente tardan un par de horas en reaccionar ante as denuncias presentadas, aínda que recoñecen que precisan mellorar para manter Facebook como un espazo seguro.

PUBLICIDADE