Tim Cook asegura que Apple presentará novos servizos este ano e xogará un importante rol na saúde

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos días a caída de ingresos de Apple fronte ás súas previsións de hai un par de meses causou un grande impacto na súa cotización bolsista, e para recuperar a confianza dos investidores o director xeral da compañía, Tim Cook, tivo a ben someterse ao interrogatorio de Jim Cramer no programa Mad Money da CNBC, nunha entrevista na que abordáronse numerosos temas e incidiuse nos plans de futuro de Apple, que van moitos máis aló da senda do iPhone. O propio Cook salientou que «neste último trimestre, se colles todo agás o iPhone, medou un 19%, un 19% dun grande negocio».
Cook destacou que os servizos de Apple (App Store, iTunes, Apple Pay, Apple Music e iCloud) non parar de medrar trimestre a trimestre, e prevén que este negocio dobre os seus ingresos de aquí a finais de 2020. Pero esta non é a única liña na que están a medrar, senón que o Apple Watch tamén está a conseguir ser líder no seu sector, polo que a liña de wearables asociados á saúde e ao benestar tamén xogarán un rol chave na futura Apple, que está a explorar novos vieiros para non ser tan dependente do iPhone, chegando Cook a auspiciar que ás meirandes contribucións de Apple á humanidade serán precisamente na saúde.
Un detalle significativo sobre o negocio dos wearables é que entre o Apple Watch e os AirPods actualmente Apple xeran uns ingresos un 50% superiores aos máximos acadados no seu día cos iPod, produto que supuxo o pulo para que Apple chegase a onde está hoxe, polo que a situación actual é máis prometedora do que poden pensar moitos.
Levamos meses con moitas informacións relativas aos investimentos de Apple no sector audiovisual, e Cook confirma que este mesmo ano anunciarán novos servizos, polo que semella que o anuncio da plataforma de streaming da compañía de Cupertino estaría moi preto de realizarse.
Sobre os problemas no mercado chinés, dende Apple confían en que sexa unha situación temporal, xa que unha boa relación entre EE.UU. e China beneficia a ambas partes. E sobre outro dos problemas espiñentos da compañía, o seu conflito de patentes con Qualcomm, Cook tamén confía acadar un acordo, aínda que denuncia que Qualcomm esixe a Apple unhas taxas que exorbitantes polas súas patentes, o que consideran ilegal.

PUBLICIDADE