Tino Fernández: «Creo cegamente na vida intelixente de Galicia»

mércores, 10 de maio do 2017 Marcus Fernández

Tino Fernández é licenciado en Económicas pola USC e consultor senior durante preto de 4 anos en Andersen Consulting. Fundou Altia en 1994, compañía cunha grande xeración de emprego na cidade da Coruña, que en 2010 entrou no Mercado Alternativo Bolsista (MAB), e actualmente é todo un referente no sector tecnolóxico galego, polo que quixemos intercambiar con el algunhas palabras.

– Se botamos a vista atrás, que foi o que levou a un consultor por conta allea a dar o salto a fundar a súa propia empresa?
– Aparte da ilusión, que sempre é importante para tódolos proxectos, tamén hai un punto de inconsciencia. Se o fixese con 50 anos seguro que faríame moitas máis preguntas que naquel momento. Unido á convicción de que había unha oportunidade entorno á tecnoloxía. Estamos a falar do ano 94; parecía que estaba todo por facer.
Confiando nas propias posibilidades, no talento das persoas que nos acompañaban, na oportunidade de mercado que entendiamos que existía, e o desenvolvemento dun sector que estaba por vir (e segue a estar)... nun momento no que tes poucas cargas, cres niso e lánzaste.

– As empresas de consultoría teñen moitas vertentes. Que levou a Altia a orientarse aos servizos tecnolóxicos?
– Era onde estaba a traballar antes. Andersen Consulting dedicábase a máis ámbitos da consultoría, pero estaba focalizada na consultoría tecnolóxica. Dentro da compañía había outras divisións como a consultoría estratéxica, pero eu non estaba nesa área.

– Tras unha longa traxectoria, que ámbitos son os que ocupan unha maior parte da actividade de Altia?
– Agora mesmo dedicámonos ao desenvolvemento de aplicacións e os seus correspondentes mantementos a posteriori; todo o que ten que ver con servizos na nube xestionados a través do Data Center de Vigo e os que temos alugados en Madrid e Barcelona.

– Algún proxecto en concreto do que sentir orgullo?
– De todos os clientes temos grandes recordos, e non me gustaría citar a ningún en concreto porque podería parecer que o resto non son importantes.
Todas as entradas en novas contas son especiais (xa que soe ser complicado asinar grandes proxectos) ou cando bates a marca do proxecto máis grande... pero iso non deixa de ser anecdótico.

– Cando falamos de empresas do tamaño de Altia en Galicia resulta difícil imaxinar os clientes que en Galicia poidan precisar recorrer a compañías de tal entidade sen contar ás Administracións Públicas. Actualmente cal sería a vosa relación entre proxectos institucionais e empresariais? E entre o volume de negocio dentro de Galicia e fóra?
– A Administración Pública non chega nin ao 30% e dentro de Galicia preto do 40%. Tamén hai que distinguir o que se fai dende Galicia para fóra, que é moitísimo. Cada emprego que se xera fóra de Galicia case ten outro emprego xerado en Galicia, porque a parte de desenvolvemento inténtase facer dende Galicia.

– Na conxuntura económica actual, incluso o ámbito territorial español pode quedar cativo, e Altia está presente en proxectos incluso ao outro lado do Atlántico. De cara á expansión internacional da compañía tedes o punto de vista máis posto en América Latina ou no resto da Unión Europea?
– Eu non estou de acordo en que para o noso tamaño sexa preciso saír de España para medrar. Aínda temos unha cota de mercado moi pequena. A meirande parte da torta do noso negocio está en Madrid (a metade do que se gasta en España contrátase alí); alí temos presenza, pero esta aínda é baixa.
Podemos medrar moito en España; nas contas nas que estamos temos capacidade para medrar; e España aínda ten que dar moito xogo, e se o trasladamos ao resto de empresas de aquí, de Galicia, penso que están na mesma situación. Aínda hai moitos sitios onde poder traballar.
Cara afora temos as dúas experiencias: tanto cara a Europa como cara a América. Ás veces tendemos cara a América polo tema do idioma, pero non o vexo como a materia máis doada: maior distancia, diferente horario, competencia, etc.
Creo que Europa ofrece moitas posibilidades, amais porque a nosa competitividade é maior. Estamos máis preto, culturalmente temos unha proximidade, e o aspecto económico da nosa oferta é moi competitivo para mercados como Francia, Reino Unido, Holanda... Dende aquí temos moi boa enxeñaría e uns prezos moi competitivos para atacar eses mercados.

– Pese a estarmos ante unha compañía cotizada no Mercado Alternativo Bolsista (MAB) podemos falar dunha compañía sen risco de fuxir do territorio como aconteceu con outras empresas tecnolóxicas locais. Como ve con perspectiva a aventura de debutar no MAB? Non supón unha responsabilidade moi grande tal exercicio de transparencia?
– Dende o primeiro minuto fomos unha empresa moi profesionalizada. Nunca foi un problema contar o funcionamento da empresa porque non se mestura co persoal. Estamos moi contentos de telo feito así.
Sobre as compras, nós estamos interesados en comprar. Estamos orgullosos da nosa galeguidade, pensamos que dende aquí pódese facer moito máis e niso estamos. Estamos avaliando a realización de novas compras.

– Ao falar dunha empresa coruñesa, aínda que con sedes por distintos lugares da xeografía española, resulta inevitable pensar que existe un fluxo importante de talento entre a Universidade e a empresa. Que resulta máis complicado nesa relación, a colaboración de cara a proxectos de I+D+i ou o establecemento de canles laborais que acheguen aos estudantes ao mercado laboral?
– Non só temos unha boa relación coa Universidade da Coruña, senón tamén coas de Vigo e Santiago. Está claro que é un mundo no que nos interesa estar. Somos un elo dunha cadea: a Universidade produce coñecemento que ten que chegar ao mercado a través das empresas e xera titulados que teñen que chegar ao mercado. Somos complementarios.
Un dos nosos valores diferenciais é precisamente a potencia das universidades galegas, que xeran titulados de bo nivel cada ano, que é o que precisamos para poder producir e competir.
Temos relación nos dous ámbitos: tanto no que poden ser proxectos de investigación ou tamén en programas para captar talento, para bolsas... Por fortuna o noso sector non ten moitos problemas de colocación e compítese polos recursos.

– Entre os novos titulados existe a percepción de que as empresas de consultoría son saídas laborais rápidas, pero pouco enriquecedoras profesional e persoalmente, pero supoño que isto foi mudando bastante nos últimos anos, e posiblemente os constantes cambios no sector TIC faciliten que os profesionais se sintan máis realizados. Aínda que captar profesionais non é tarefa doada, supoño que fixar o talento e aínda máis complexo, non?
– Isto é unha grande oportunidade para todos: para os que comezan e para os que se desenvolven. Aparte está o que queira facer cadaquén. O sector TIC é tan amplo... como a economía ou o dereito, que teñen moitos ámbitos nos que desenvolverse profesionalmente. Á tecnoloxía pásalle o mesmo.
Este non é un camiño nin bo nin malo. É un dos camiños. É lóxico e bo que haxa titulados que pretendan facer outras cousas. Eu comecei nunha multinacional, e sempre digo que «de todos os trens podes baixar». Hai que quedar con que o sector ofrece posibilidades e incluso permite desenvolver unha carreira profesional en contornos cambiantes. Coa multitude de proxectos que se realizan nas empresas é posible ir mudando de cliente, de tecnoloxía, de tipo de proxecto... mudar de responsabilidade nos proxectos... Paréceme unha das opcións máis interesantes.

– Supoño que precisamente os cambios tecnolóxicos crean unha grande vertixe ao botar a vista atrás. Cando Altia botou a andar nin sequera existía InfoVía en España, polo que algo como a Internet na empresa e no fogar parecía un soño, e agora non podemos vivir sen acceso á Rede no móbil. Esta revolución está a mudar moito o xeito de abordar proxectos. Cara onde pensades que nos levará o futuro? Serán as Smart Cities algo máis que un eslogan? O pulo pola Administración electrónica trasladarase ás empresas de a pé?
– A tecnoloxía é un punto sen retorno. Cando comezamos a Internet non existía a nivel popular, o primeiro móbil que merquei case o agochaba (e só valía para facer chamadas)... estaba todo por inventar, pero iso continúa a pasar. Logo, o noso sector é especialmente xerador de etiquetas, e ás veces devorámolas. Pasan moi rápido. Ao final o reto segue a ser o mesmo. A importancia da base tecnolóxica en todos os procesos de negocios, as relacións sociais, as relacións das empresas cos seus clientes... é inmutable. Non hai nada que preguntarse.
O asunto é non deixarse levar pola moda tecnolóxica, porque «teño que facer un proxecto de Big Data»... o que tes que facer é pensar no teu negocio e en que medida a tecnoloxía pode axudarte. Iso para as empresas que usan a tecnoloxía; logo xa hai moitos proxectos que son tecnolóxicos en si mesmos. Calquera plataforma de música, de reservas de hoteis... a propia tecnoloxía é o negocio. Iso tamén é unha aspiración: poder ver a tecnoloxía como servidora doutros negocios ou un negocio en si mesmo (onde todo é tecnoloxía).

– Para rematar, e vendo o que conseguiu Altia nos últimos anos, podemos concluír que en Galicia existen os alicerces para poder prosperar no emprendemento tecnolóxico ou é preciso aínda un grande esforzo para propiciar un ecosistema empresarial que permita o desenvolvemento de compañías de base tecnolóxica lonxe dos grandes centros de decisión estatais e internacionais?
– Eu viaxo bastante por outras comunidades (en España sobre todo) creo que Galicia ten unha posición moi importante a nivel de empresas tecnolóxicas. Se nos comparamos con rexións semellantes á nosa o desenvolvemento empresarial TIC de Galicia está por enriba. Poderíase facer máis? Creo que si. Galicia podería ter ese recoñecemento de grande zona de desenvolvemento tecnolóxico, como cando pensamos en Suíza e nos reloxos. En Galicia iso pode conseguirse. Hai unha boa base.
Precisamos ir gañando en tamaño; ter todo tipo de tamaños, pois para competir por proxectos fortes, especialmente nun momento no que a demanda está a requirir normalmente operadores de maior tamaño, é importante saír desa primeira fase do emprendedor que o leva todo (moi bo, serio e traballador) para competir.
Por exemplo, cando se fala de internacionalización, estamos ante unha materia mo complexa para empresas moi cativas, agás que sexas dun nicho moi específico, e aínda así é precisa forza comercial e cartos. Ao ir a calquera país vai custar moitos cartos poder captar proxectos e desenvolvelos, e tamén resultaría moi arriscado facelo dende compañías moi pequenas.
Eu creo cegamente na vida intelixente de Galicia, e creo que o sector TIC é unha demostración diso. Insisto en que no ranking de España, Galicia no sector empresarial tecnolóxico está bastante por riba do que noutros parámetros correspóndelle á propia Galicia.

PUBLICIDADE