Todo o que precisamos saber de Nest, nun curso de Vitae en marzo

martes, 15 de febreiro do 2022 S. P.

En marzo prosegue a tope a actividade formativa da firma galega Vitae Consultores. Entre os cursos programados figura un curso que é un complemento perfecto á nosa capacitación na creación avanzada de aplicacións informáticas. Estamos a falar do curso Nest, desenvolvemento de servizos Node a escala empresarial. Serán 18 horas de contidos, a impartir en formato de aula virtual a través do 15, 16, 17, 22, 23 e 24 de marzo.
Segundo explica a consultora Vitae, NestJS é un framework (un marco de traballo para xerar software) para a materialización de aplicacións de negocio que emprega o TypeScript como linguaxe principal e engádelle todo un catálogo de utilidades orientado a obxectos. Vitae explica que NestJS é cada vez máis empregado como alternativa ou complemento para grandes proxectos.
Os obxectivos do curso son os seguintes:
-Dar a coñecer Nest como ferramenta e os seus posíbeis usos.
-Crear unha API Rest baseada en Express.
-Acceder a bases de datos dende Nest.
-Implementar arquitecturas extensíbeis.
-Procesar información de entrada e saída.
-Controlar o acceso seguro aos recursos.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. Ten unha duración de dezaoito horas de formación cun enfoque, en palabras de Vitae, “eminentemente práctico”.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE