Todo o que precisamos saber sobre o Refactoring, nun curso de Vitae Consultores en outubro

martes, 16 de setembro do 2025 S. P.

Vitae Consutores preparou para outubro unha actividade formativa para axudarnos a avanzar en excelencia, innovación e competitividade. Trátase do curso Refactoring Avanzado: Controlando o Esforzo e o Custo do Desenvolvemento de Software. Constará de 12 horas de duración e desenvolverase os días 14, 16, 21 e 23 de outubro de 2025. No curso mostrarásenos como aplicar metodoloxías de utilidade que axuden a minimizar os gastos e os recursos que investimentos no desenvolvemento dun produto tecnolóxico.
“O software”, explican dende Vitae, “é un dos custos nos que incorremos en calquera empresa que desenvolva un produto ou servizo dixital. Poñer unha determinada prestación en mans dos clientes require un tempo de definición e análise, así como un tempo de implementación e probas. Todo este tempo que tardamos en sacar a produción unha característica do noso produto é un custo que debemos manter baixo control. Neste punto, cómpre que apliquemos prácticas técnicas que nos axuden a controlar eses recursos investidos”. Para Vitae, unha das máis axeitadas prácticas técnicas das que podemos botar man é precisamente o que se coñece como Refactoring.
O Refactoring é unha práctica técnica cuxo obxectivo é incrementar a lexibilidade, a sustentabilidade, e a capacidade de cambio do código que escribimos contribuíndo de xeito significativo a reducir o custo de desenvolvemento futuro.
“O esforzo que investimos en Refactoring”, sinala a consultora galega a propósito deste curso, “retorna unha rendibilidade que medra co tempo, permitindo que os equipos de desenvolvemento incrementen a súa capacidade para poñer software en produción”.
Os obxectivos do curso son: coñecer que é o Refactoring e que beneficios achega a súa práctica sistemática e cotiá; coñecer e aplicar as regras de calistenia de obxectos para entender como pode mellorarse o deseño do código; identificar code smells ou síntomas de código que adoece dun deseño deficiente; e coñecer e aplicar refactors probados: aqueles que se poden aplicar de forma automática, sen risco de romper o código actual.
Ademais, esta actividade formativa permitiranos afondar na aplicación de técnicas de Refactoring avanzadas, utilizando tests como rede de seguridade.
O curso, que se vai desenvolver en formato de aula virtual con clases en directo con acceso ás sesións gravadas para a consultora, está dirixido a todos os profesionais da programación de calquera linguaxe.
Os contidos serán impartidos por Francisco Iglesias, formador e desenvolvedor que comezou no mundo da programación a mediados dos anos 80, na época dos computadores domésticos de 8 bits e estivo vencellado ao mundo da tecnoloxía desde entón. A principios dos 2000 comezou a desenvolver aplicacións web. Desde entón, traballou en varias empresas en distintas etapas de crecemento e sectores de negocio, como educación, construción, comercialización de enerxía, turismo, hostalaría ou saúde, desempeñando roles de backend developer, senior software engineer e, actualmente, staff software engineer. Ademais, levou a cabo tarefas de formación e mentoring en todas elas. Os seus máis de 20 anos de experiencia plásmanse en diversas publicacións, como o blog The Talking Bit e unha manchea de libros sobre testing, refactoring e adestramento de código. É un dos fundadores do grupo CraftersVigo, unha comunidade de programadores e programadores orientada á mellora profesional, e membro do equipo de organización da conferencia de desenvolvemento PulpoCon.