Todo o que quixemos saber sobre as posibilidades de Power Bi, en novembro da man de Vitae

xoves, 14 de outubro do 2021 S. P.

Este outono o panorama de formación tecnolóxica galega é unha fonte de oportunidades para converternos en mellores e máis formados profesionais do ámbito TIC. Algunhas das actividades van directamente encamiñadas a permitirnos dar pasos firmes no camiño da excelencia profesional. Por exemplo a sétima edición do curso Power BI: Visualización e Data Storytelling, de dez horas de duración e programado para os días 2, 4, 9 e 11 de novembro. Novamente Vitae garantirá ao máximo a seguridade sanitaria das persoas asistentes (e tamén a súa comodidade) ofrecendo os contidos a través da súa aula virtual.
Segundo informa Vitae sobre a temática desta nova actividade formativa, Power BI é unha ferramenta de análise de Microsoft que permite aos usuarios de negocio visualizar os seus datos e compartir ideas coa súa organización.
Neste curso os participantes poden aprender os conceptos básicos do modelado dimensional e as principais técnicas do deseño para crear informes que poden aplicarse en Power BI Dekstop. Amais, o alumnado familiarizarase plenamente cos conceptos básicos do modelo financeiro aplicado en situacións legais.
A actividade formativa ten os seguintes obxectivos: achegar coñecementos avanzados acerca do Power BI co fin de permitir aos participantes crear os seus propios informes empregando boas prácticas, revisar os conceptos principais do modelado e do deseño, mostrar diferentes metodoloxías para construír informes e modelos optimizados e aproximar aos profesionais á variedade de problemas que son o día o día dos laboratorios e que proporcionan, en palabras de Vitae, “unha ampla experiencia”.
O curso está dirixido a usuarios comerciais e analistas de datos que teñan (ou non) experiencia previa no uso doutras ferramentas de informes, como Microsoft Excel, e que estean a buscar un coñecemento máis fondo sobre os partes de Power BI.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE