Todo sobre as Power Apps de Microsoft, nun novo curso de Vitae este mes de xuño
martes, 28 de maio do 2024
Vitae Consultores, consultora galega especializada no ámbito tecnolóxico, vai organizar este mes de xuño unha actividade formativa que nos converterá en expertas/os nas novas ferramentas avanzadas de Microsoft. O curso Dominando Microsoft Power Apps, de 12 horas de duración, levarase a cabo os días 18, 20, 25 e 27 de xuño de 2024. O miolo da actividade será Microsoft Power Apps, plataforma integral de desenvolvemento de aplicacións que permite ás organizacións crear solucións personalizadas de maneira rápida e eficiente.
Vitae avanza que “partindo do conxunto de ferramentas de Microsoft Power Platform, Power Apps destácase pola súa capacidade para desenvolver aplicacións sen necesidade de coñecementos avanzados en programación, o que democratiza a creación de software e permite aos usuarios de negocio deseñar aplicacións que satisfagan as súas necesidades específicas”.
Vitae engade que Microsoft Power Apps clasifícase en tres tipos principais de aplicacións: as aplicacións lenzo, que permiten un control completo sobre o deseño da interface de usuario; as aplicacións baseadas en modelos, que se constrúen a partir de datos e procesos subxacentes para automatizar fluxos de traballo complexos; e as aplicacións de portal, que permiten crear sitios web externos interactivos.
A consultora galega engade que Microsoft Power Apps ofrece “unha solución potente e flexíbel para a creación de aplicacións personalizadas, axudando ás organizacións para mellorar a súa eficiencia operativa, facilitar a dixitalización de procesos e fomentar a innovación dentro dos seus equipos”.
Obxectivos do curso
-Aprender a crear aplicacións empresariais con Power Apps dunha forma amena e práctica, acelerar o desenvolvemento de aplicacións, mellorar a eficiencia operativa e adaptarse ás necesidades da empresa.
-Reducir custos dos desenvolvementos informáticos e fomentar a innovación na empresa.
A quen vai dirixido
O curso está dirixido a persoal de diferentes ámbitos empresariais interesado en mellorar os procesos e que desexan liderar a transformación dixital e optimizar operacións dentro das súas organizacións. Tamén estudantes e persoas doutros ámbitos interesados en dar un xiro ás súas carreiras. O curso ten unha duración de 12 horas, en 4 sesións de 3 horas. Desenvolverase en formato de aula virtual online con clases en directo.
Gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
As persoas encargadas de impartir os contidos serán Yolanda Cuesta Altieri e Christian Fernández.
Yolanda é licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Valladolid, con especialización en Dirección Comercial, amais de certificada en Aptitude Pedagóxica, C.A.P. Especialidade: Economía. Máster de Dirección e Xestión de Actividades Turísticas pola UNED, Yolanda desenvolveu a súa carreira profesional como economista en compañías privadas acumulando máis de 20 anos de experiencia en postos de responsabilidade no departamento financeiro de varias empresas. Actualmente traballa en Creativity Spark, empresa consultora de tecnoloxía como junior developer coas ferramentas Microsoft PowerPlatform. Ademais, imparte formación tanto presencial como en liña sobre Excel, Power BI, Power Apps, contabilidade e fiscalidade desde hai varios anos.
Christian Fernández, pola súa banda, é arquitecto de solucións con experiencia de máis de 20 anos en sectores como Fabricación de Aeronaves, Financeiro, Protección Ambiental, Químico e Medios. Durante estes anos desempeñou diferentes roles pero principalmente deseñando e entregando sistemas baseados na plataforma Microsoft. Ultimamente especializouse en Power Platform e colabora con clientes para aproveitar ao máximo as súas implementacións. Recentemente recibiu o recoñecemento Microsoft MVP polas súas contribucións á comunidade, onde escribe habitualmente no seu blog e participa como presentador en varios eventos en España e Europa.