TokApp lánzase á conquista de Latinoamérica afianzándose en media ducia de países
xoves, 3 de agosto do 2017
A empresa viguesa TokApp,
responsábel da ferramenta
global do mesmo nome para facilitar e mellorar a comunicación
empresarial, vén de achegar unha serie de novidades sobre o seu
proceso de espallamento nos ámbitos estatal e internacional. Un
proceso que, por certo, tamén atinxe á súa filial TokApp
School, aplicación destinada a evitar calquera tipo de
incidencia comunicativa no eido escolar, ao tempo que achega rapidez
e eficacia no intercambio de datos, contidos, mensaxes. Segundo nos
conta TokApp, a empresa decidiu lanzarse á conquista de
Latinoamérica e está a comezar a ser “unha aplicación
imprescindíbel” en seis países do continente americano (México,
Uruguai, Arxentina, Colombia, Costa Rica e Nicaragua).
Sen ir máis lonxe e como
froito do interese xerado nestes mercados polas dúas aplicacións, a
firma viguesa foi convidada a participar na feira ExpoPymes
Internacional de México, que se celebra o 25 de agosto con presenza
de empresas e entidades de Los Ángeles, Phoenix, San Antonio ou
Chicago. Segundo conta TokApp, esta edición de Expopymes centrará
os seus temas principais en enerxías limpas, industrias creativas e
comunicación e innovación en turismo, comercio e educación.
Nun plano máis concreto,
a arela de espallamento internacional da firma galega pasa por
consolidar as dúas marcas nestes mercados e penetrar en sectores
como o deporte, a cultura, o turismo, a saúde e “practicamente
calquera sector que precise dunha comunicación directa cos seus
clientes ou usuarios”. En palabras da empresa, TokApp “está
chamado a ser un importante actor no ámbito da comunicación e as
relacións empresariais e persoais en ámbalas beiras do Atlántico,
especialmente pola súa clara vocación de ser unha ferramenta de
comunicación útil e efectiva”, explica Javier Romero, conselleiro
delegado de TokApp.
Romero engade que as
previsións da compañía incrementan mesmo os datos deste ano, que
triplicou a súa facturación anual respecto de 2015. Para 2018,
TokApp prevé chegar ao millón de usuarios e ter presenza activa en
20 países.