Tokapp lanza ferramenta para converter as mensaxes vexatorias do ciberbullying en mensaxes amigábeis

luns, 17 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Tokapp, empresa galega desenvolvedora da plataforma docente do mesmo nome, segue a engadirlle ramificacións á súa aplicación no camiño de mellorar o funcionamento dos centros educativos pero, tamén, de facelos mellores lugares para aprender e para vivir. Nesta liña insírese a iniciativa RompeBullying, unha proposta anti-acoso de Tokapp que converte as mensaxes ofensivas en textos agradábeis entre vítima e acosador. Trátase dunha aplicación de balde que se lanza a combater o dito problema social alí onde adoita xurdir e acrecentarse: nas redes sociais. O seu funcionamento? Transformar a violencia en adhesivos de amizade.
Para Tokapp, cumpría aproveitar as novas tecnoloxías, e agora máis ca nunca, para loitar contra a lacra do ciberbullying, unha práctica que a día de hoxe abrangue xa un de cada catro casos de acoso escolar, causando secuelas psicolóxicas no 92% das vítimas (consonte un estudo da Fundación ANAR en colaboración con Mutua Madrileña). Segundo lembra a empresa galega, o medio máis empregado para o acoso virtual é precisamente as mensaxes de texto. “Neste punto, a única e última defensa que lle resta á vítima é o bloqueo do contacto”, explican dende Tokapp, engadindo que, malia todo e malia seren bloqueados, “os contidos fican e a persoa acosada convive con eles, algo que lle xera tensión e ansiedade”.
Para reverter o devandito e converter en positivo o negativo xurdiu precisamente RompeBullying, unha aplicación de colantes (adhesivos) para substituír e converter as mensaxes desagradábeis e ferintes en conversas amábeis que utilizan o novo sistema de stickers de Apple.
O sistema, unha vez que a persoa acosada recibe unha mensaxe que non é do seu agrado, comeza a funcionar en canto esa persoa abre a ferramenta RompeBullying?, selecciona un adhesivo e arrástrao sobre a mensaxe cubríndoo totalmente. A mensaxe orixinal, desta maneira, fica oculta tanto para a vítima como para o seu acosador. “Con isto, o adhesivo xera unha nova conversación diferente e afastada da violencia”, sinalan dende Tokapp, que logo da súa longa experiencia traballando no eido educativo e dixital puido constatar a alta frecuencia coa que se dan este tipo de prácticas vexatorias por mensaxería. “Aproveitando esta experiencia e o uso de Tokapp nas comunidades escolares”, sinalan, “investigamos como poderiamos achegar o noso gran de area para axudar a emendar o problema”.
A aplicación, dispoñíbel para iOS, está xa na Apple Store. É totalmente de balde para pais e alumnos, e ten unha media de uso de 50 usuarios ao día. TokApp informou de que está a traballar para que en datas vindeiras estea dispoñíbel para Android. Tamén pendurou en YouTube un vídeo ilustrativo sobre a ferramenta.

PUBLICIDADE