Toledo confía en Altia para mellorar as súas capacidades de almacenamento dixital
xoves, 17 de decembro do 2020
O
Concello
de Toledo elixiu a empresa galega Altia como partner para
mellorar as súas capacidades de almacenamento dixital. O
proxecto inclúe a implantación e configuración do novo sistema NAS
(almacenamento conectado en rede) e, tamén, o mantemento e soporte
técnico. Segundo informa a empresa tecnolóxica con sede en Oleiros,
ten como obxectivo “evolucionar a anterior solución de
almacenamento usada polo consistorio, reducir o tempo de backup
empregado até agora e asegurar a recuperación ante desastres”.
O
Concello, coa renovación das tecnoloxías empregadas para acubillar
información, do hardware e do software de backup (copias de
seguridade ou reserva), ten o obxectivo de acadar unha notábel
redución de tempo nas copias de seguridade de todos os documentos
que posúe.
Altia
engade que as novas funcionalidades do software Veem Backup &
Replication, na súa versión Enterprise, permitirán, por exemplo,
“recuperar información específica de forma directa sen necesidade
de rescatar todos os datos copiados nun momento determinado”. Neste
senso, a empresa galega realizará todos os servizos vencellados á
implantación e configuración do sistema; a provisión dos elementos
necesarios; a instalación, configuración e posta en marcha do
software de backup; a capacitación dos técnicos da
organización e o mantemento e soporte técnico durante o cinco anos
de duración do contrato.
O
proxecto, no que o Concello de Toledo investiu máis de 66.500 euros,
nace tras a necesidade de diminuír o tempo investido no proceso de
copias completas. “Debido ao medre do volume de información a
apoiar e ás limitacións da tecnoloxía utilizada, as xanelas de
backup eran moi elevadas e o proceso de copia incremental
tardaba máis cada día e case chegaba a xuntarse co seguinte
proceso”, explicou Manuel Aranda, director asociado en Altia.