Torus gaña a VIII edición dos Premios EmprendedorXXI en Galicia

xoves, 5 de xuño do 2014 Marcus Fernández

A empresa Torus gañou a edición 2014 dos Premios EmprendedorXXI en Galicia. O galardón está impulsado por la Caixa e co-outorgado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de ENISA, co obxectivo de recoñecer os emprendedores máis innovadores de España. A entrega do premio estivo presidida por Marc Benhamou, director territorial de la Caixa en Galicia, e Javier Aguilera, director xeral do IGAPE, entidade que colabora co premio nesta comunidade.
Torus desenvolve e comercializa un novo protocolo de comunicacións substitutivo do IP actual. Este sistema posibilita acelerar aplicacións, por exemplo, en high frequency trading e big data. Como gañadora dos Premios EmprendedorXXI, a compañía obtivo un premio en metálico de 5.000 euros e a participación nun curso de aceleración do negocio na Universidade de Cambrige, especialmente deseñado para emprendedores de todo o mundo, denominado Ignite Fast Track.
Ademais, durante un ano, la Caixa ofreceralle acceso ao programa de acompañamento que impulsa a súa xestora de capital risco, Caixa Capital Risc, e que dá apoio aos emprendedores na busca de mercados, sectores e persoas que poden ser claves para o desenvolvemento da súa empresa.
O programa inclúe misións comerciais a Silicon Valley, Tel Aviv e Nova York para coñecer de primeira man os principais polos de innovación a escala mundial, así como actividades de formación e networking. Igualmente, os emprendedores participantes teñen acceso preferente a financiamento para empresas en etapas iniciais de Caixa Capital Risc e ENISA.

Como gañador da fase autonómica dos Premios EmprendedorXXI, Torus participará na fase nacional, na que competirá por un galardón de 20.000 euros que se dará a coñecer no mes de novembro, na gala oficial de entrega dos Premios EmprendedorXXI.
Como primeira finalista foi seleccionada Bialactis, empresa biotecnolóxica baseada na investigación e produción de probióticos. Como segunda finalista quedou Monet, compañía de innovación tecnolóxica que ofrece ás adegas un sistema para axudar a mellorar a calidade do viño dende o viñedo.

Un total de 24 empresas de Galicia presentáronse en 2014 aos Premios EmprendedorXXI, considerados como unha das convocatorias de referencia para proxectos de innovación en España. Este ano, os premios alcanzaron a súa oitava edición. Dende a súa creación, en 2007, un total de 3.190 empresas de nova creación participaron na iniciativa.

PUBLICIDADE