Torus suma un novo recoñecemento a unha carreira de éxitos: o do COETG-AETG

xoves, 9 de outubro do 2014 Redacción

O docente <a href="https://twitter.com/gltaboada/status/393350892252307457">nunha actividade celebrada en Madrid</a> o ano pasado
O COETG-AETG (Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) fallou recentemente os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014, que serán entregados no transcurso da XIX Gala das Telecomunicacións de Galicia, a celebrar o vindeiro 24 de outubro, ás 20.00 horas, no Gran Hotel da Toxa, no concello pontevedrés do Grove. Un destes galardóns, o premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, irá dar a unha empresa galega que xunta un recoñecemento tras outro, Torus Software Solutions, polo seu “alto grao de innovación, a creación de emprego, a súa tecnoloxía e a súa aplicación a mercados amplos”.
Como dixemos, o galardón que vai recibir Torus do COETG-AETG non é (nin será) o único. Sen ir máis lonxe, a firma foi distinguida en 2013 e 2014 pola Embaixada Británica (a través da primeira edición do certame UKTI Spain Technology Competition), polo CPEIG, polo xurado da SmartCamp de IBM (chegou ser finalista da cuarta edición do evento) e por La Caixa na oitava convocatoria de Emprendedor XXI (Torus foi a empresa gañadora da edición galega).
Torus, como lembraremos, é unha spin-off da Universidade da Coruña e está a centrar boa parte dos seus esforzos en achegar solucións software de comunicacións ultrarrápidas, que permitan entre outras cousas acelerar aplicacións en contornas onde o rendemento é crítico, en especial no eido financeiro, o das telecomunicacións, a nube, a Rede 2.0 e a enerxía. Torus tamén está participada pola Fundación Barrié (a través do seu Fondo de Ciencia que pon en valor a investigación levada a cabo en Galicia e por investigadores do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC). Segundo se ten salientado nos diferentes certames onde obtivo recoñecementos, os seus principais eidos de desenvolvemento son a informática, a enerxía, a Investigación e o Desenvolvemento, a defensa e os servizos financeiros. A firma foi posta en marcha por Guillermo López e Ramón Coallo, co apoio do Fondo de Ciencia da Fundación Barrié.
Recentemente, este mes de setembro que vimos de deixar atrás, o programa Instrumento PEME Horizonte 2020 da Unión Europea seleccionou a Torus (xunto con 20 proxectos TIC europeos) para integrárense no seu seo. Sinalar que este programa consiste basicamente en apoiar proxectos cun elevado potencial de medre dotándoos con ata 2,5 millóns de euros de financiamento sendo o seu obxectivo incrementar a competitividade da economía europea apostando por empresas innovadoras para consolidar sectores prioritarios da economía europea como é o TIC. A inclusión de Torus foi aínda máis salientable se temos en conta que ningunha empresa alemá ou italiana do sector TIC foi seleccionada, mentres que Galicia conta (a través de Torus) cunha representante neste programa.