Toshiba asegura que para 2010 o 60% dos materiais tecnolóxicos dos seus equipos serán “responsables co medio

martes, 5 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Os aparellos tecnolóxicos están a chegar finalmente a amplas porcentaxes de poboación que, ben por descoñecemento ou pola impasibilidade das empresas subministradoras que se desentenden de facilitar as tarefas de reciclaxe (ou por ámbolos motivos), non van saber moi ben que facer con eses materiais cando, se cadra máis cedo do que pensan, pasen a ser obsoletos.
Empresas tecnolóxicas hai para tódolos gustos, mais é posible que non haxa ningunha que se preocupe abondo sobre esta cuestión do lixo tecnolóxico, xa que nunca é abondo no que se refire á preservación do medio. Sexa como sexa, unha das que máis dá que falar nos medios informativos é Toshiba, que estes días vén de lanzar o seguinte prognóstico alentador sobre os seus produtos: para o ano 2010 o 60% das súas vendas estarán constituídas por material “ecolóxico”, “responsable co medio ambiente” e, en palabras da propia firma, ECPs (Enviromental Conscious Products).
Segundo a multinacional tecnolóxica, que vén de poñer en marcha o Cuarto Programa Voluntario de Protección do Medio Ambiente (no que se integran os obxectivos devanditos), estas medidas contribuirían á acadar unha sociedade moderna sostible e, asemade, a preservar a natureza, reducir o consumo enerxético, fomentar a reciclaxe e, tamén, incrementar o ciclo de vida dos equipos informáticos. Estes obxectivos compleméntanse co anuncio da eliminación total nos seus produtos de 15 substancias químicas nocivas.
Ademais, Toshiba tamén se fixa para 2010 unha redución da emisión de C02 nos seus procesos industriais dun 25% e a doutros gases igualmente causantes do quecemento da Terra nun 35%. Para esa mesma data a multinacional tamén se propuxo recortar nun 25% as emisións de C02 nos seus procesos loxísticos e incrementar a reciclaxe de material tecnolóxico e informático de segunda man nun 160%.