Traffic On Cloud de Balidea, seleccionada por Innowwide entre 600 proxectos de 43 países

luns, 19 de outubro do 2020 S. P.

Traffic On Cloud, a ferramenta desenvolvida pola empresa galega Balidea para optimizar a mobilidade, foi seleccionada entre 600 candidatos de 43 países na segunda convocatoria de Innowwide, que avalía a viabilidade de solucións empresariais innovadoras nos mercados de todo o mundo. A través do proxecto que levará a cabo en Panamá, coa colaboración do socio local IAD Proxectos, Balidea comeza a fase de internacionalización da súa solución Traffic On Cloud, un recurso moi axeitado para axudar á xestión da mobilidade urbana, a toma de decisións para a mellora da seguridade viaria e o fomento dunha mobilidade sustentábel.
Traffic On Cloud basea as súas funcionalidades na análise intelixente de vídeo a partir de modelos de Intelixencia Artificial e aprendizaxe profunda (Deep Learning). Supón, en palabras da firma de Santiago, “unha disruptiva ferramenta que facilita ás cidades a creación e implantación de estratexias que posibiliten unha xestión máis eficiente e sustentábel da mobilidade, e por extensión das contornas urbanas”.

PUBLICIDADE