Trescentos profesionais e empresarios participaron na Noite Galega das Telecomunicacións
venres, 29 de setembro do 2017
Finalmente
celebrouse este venres, no recinto de PALEXCO (A Coruña) e contando
coa presenza de 300 profesionais e empresarios do sector, a XXII
Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. A
gala, organizada un ano máis polo Colexio
Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de
Galicia, COETG-AETG, comezou ás 20.00 horas e estivo presidida
polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A actriz
Silvana Sestelo presentou o evento, que xirou arredor da necesidade
de adestrarnos e xuntar forzas para tirar proveito das oportunidades
da información a gran escala e facelo con total seguridade e
confianza. Segundo fixo saber na súa intervención Julio Sánchez
Agrelo, decano do Colexio e presidente da AETG, “só desde a unión
podemos avanzar e afrontar con éxito os grandes retos que se nos
presentan cada día como son, entre outros, a ciberseguridade e o Big
Data. Ou facémolo nós ou alguén o fará por
nós”.
A
cita comezou ás oito da tarde cun networking, no que
participaron uns 300 profesionais e empresarios do sector. Ás 21.30
horas principiou a gala (adicada como dixemos á ciberseguridade)
presentada pola actriz e bailarina Silvana Sestelo. En palabras da
organización, “foi un espectáculo disruptivo e orixinal, no que
se conxugaron, con gran ritmo, a música, a iluminación, a danza, a
proxección de vídeos, os discursos e a entrega de premios”.
No
seu transcurso foron galardoados profesionais e empresas:
Enxeñeiro do Ano, Paulino González; Socio de Honra, Mar Pereira,
directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA);
Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial
no sector TIC,
Situm Technologies; Gradiant
á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC, Alejandro Ramos Soto;
ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en
colaboración coa AMTEGA e a firma Balidea
Consulting & Programming; ao
mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de
Telecomunicación da Universidade de Vigo, Víctor Manuel Segura
Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo
desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións,
FINSA.
No
nome dos premiados interveu Paulino González, quen subliñou que
volvendo a vista atrás, “pódolles dicir que foi unha satisfacción
exercer como teleco. Se volvese nacer, volvería elixir, sen dúbida,
esta marabillosa profesión”. González fixo referencia ao seu
paso por Telettra, Airtel e Vodafone e á súa contribución ou
desenvolvemento da rede de telefonía móbil de Vodafone en Galicia,
que, dixo, “posibilitou a dinamización do mercado e a sempre
estimulante competencia”. E unha consecuencia clara: “Unha maior
calidade dun servizo, que hoxe é de primeira necesidade”.
“A
infraestrutura da nosa rede”, engadiu Paulino González,
“desenvolveuse en igualdade de condicións que no resto de España,
tanto en tempo como en calidade. O que, por desgraza”, dixo, “non
podemos afirmar en relación con outras infraestruturas tamén
esenciais”.
O
enxeñeiro do año rematou o seu breve discurso cunha referencia
familiar e adicando o premio a un “elenco de extraordinarios
profesionais que me axudaron e acompañaron ao longo desta fantástica
carreira profesional. Sen eles nada sería posible”. Por iso,
engadiu, “nun acto de xustiza, quero compartir con todos eles o
premio que tiveron a amabilidade de concederme”.
A
Noite desenvolveuse logo do proceso electoral celebrado no primeiro
semestre deste ano, co que se abre “unha nova etapa no Colexio e na
Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia”.
Segundo salientou Julio Sánchez Agrelo, “estamos aquí para
recoller a magnífica herdanza dos equipos directivos que nos
precederon e para, na medida do posible, superala e mellorala”.
Despois
dunhas palabras de recoñecemento para o decano e presidente saínte,
o seu substituto sinalou que “tomamos o relevo con tanta
determinación como ilusión”. A maiores, fixou como o seu
principal obxectivo “vertebrar os profesionais das TIC, comezando
pola integración, no colexio e na asociación, de todos os
enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia”.
Por
outra banda, o novo decano e presidente do Colexio e da Asociación
de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia puxo especial énfase
na “defensa da dignificación do noso traballo”. E engadiu:
“Reivindicaremos a nosa función como profesionais das Tecnoloxías
da Información e da Comunicación. A ninguén debe molestarlle que
reclamemos o que lexitimamente nos corresponde”.
Xusto
antes do remate da Noite, Sánchez Agrelo tivo unha lembranza
emocionada para Fernando Pardo, falecido hai hoxe xustamente un ano,
ao que definiu “coma un dos pais fundadores da TVG, un mestre e un
magnífico divulgador da enxeñería de Telecomunicación; unha
referencia a seguir, tanto no ámbito persoal como profesional”.
Segundo
fixo saber a organización, este acto celebrado en PALEXCO (“e 22
anos despois da súa posta en marcha”), a Noite
Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información,
pasará a ser itinerante e, nos vindeiros anos, celebrarase nas
cidades máis importantes da nosa comunidade. Esta edición
coincidiu, como lembraremos, co 25 aniversario da Asociación de
Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

- Fotografía de grupo dos participantes na celebración
